A SÍNDROME DA FAMILIA PERFECTA
Xulia, de seis anos, acudía a clases extraescolares para ser unha crack das matemáticas, de inglés para conseguir traballo no futuro, segundo dicían os seus pais, e danza para ter un corpo esvelto. “Os meus pais sempre me din o que necesitarei cando sexa maior, pero nunca me preguntan que necesito agora”. “E que necesitas?”. “Chegar a casa e xogar os tres”.
A educadora emocional Cristina Gutiérrez Lestón, directora do centro formativo La Granja, afirma que nos últimos anos aumentaron as carencias emocionais dos nenos. Teñen menos autoestima, menos seguridade e máis medo. Tamén son máis egoístas e impacientes, ata o punto de formar parte da xeración “Eu, eu”, “Xa, xa”, fillos do seguinte paso despois dos “pais helicóptero”: os “pais dron”.
Ten solución? A educadora propón no seu libro, ‘Crecer con valentía’, ferramentas para fomentar a confianza e resiliencia fronte á vida. “Cando nace un bebé invádennos todos os medos e é normal. Pero temos que tomar unha difícil decisión: quen queres que eduque ao teu fillo, o teu medo ou ti? Os medos tamén se herdan. Así atopamos dous tipos de pais: os que achandan o camiño para que o seu fillo non sufra nin tropece coas pedras, e os que superan o seu propio medo e preparan ao seu fillo para o camiño”.
0 comentarios