WILDLIFE PHOTOGRAPHER OF THE YEAR 2020
Hai xa algo máis de medio século que o Museo de Historia Natural de Londres organiza o concurso Wildlife Photographer of the Year, xa consolidado como un dos máis prestixiosos do mundo e no que a máxima para recibir un galardón reside na destreza e sapiencia dos fotógrafos para retratar o comportamento animal e plasmar a diversidade da natureza.
Con todo, as imaxes seleccionadas polo xurado neste concurso non só buscan transmitir a beleza da natureza no seu estado máis puro, senón tamén concienciar sobre o respecto á vida natural e fomentar o coñecemento máis aló de slogans publicitarios sobre o medio ambiente á vez que denunciar os excesos pertrechados conta a mesma natureza.
A imaxe destacada sobre todas as gañadoras ("grand title winner", ou gañadora absoluta) é ’O abrazo’, que concorría na categoría de "Animais na súa contorna". Mostra a unha tigresa rodeando coas súas garras un abeto de Manchuria, mentres roza as fazulas contra a cortiza para deixar secrecións das súas glándulas. Trátase dun exemplar de tigre amur ou siberiano, no parque nacional Leopardo de Rusia, o hábitat onde máis abunda. As medidas de protección contra a súa caza parecen dar resultado. Un estudo recente calculaba a súa poboación no medio milleiro de animais, un aumento considerable con respecto aos censos existentes. O seu autor é Sergey Gorshkov. Sergey sabía que as súas posibilidades eran escasas, pero estaba decidido a tomar unha fotografía do animal tótem da súa terra natal siberiana. Buscando sinais no bosque, concentrándose en árbores ao longo de roteiros regulares onde os tigres poderían deixar mensaxes (cheiro, pelos, ouriños ou marcas de gadoupas), instalou a súa primeira cámara trampa en xaneiro de 2019 fronte a iste gran abeto. Pero non foi ata novembro que logrou a imaxe que planeara, a dunha magnífica tigresa na súa contorna forestal.
Erixíndose como un dos altofalantes máis importantes a nivel mundial para denunciar as ameazas ás que hoxe se enfronta a biodiversidade, dicir que o Wildlife Photographer of the Year é un concurso de fotografía sería quedar moi curto, polo que para que poidades xulgar con criterio propio premede AQUÍ e veredes aos gañadores da súa última edición.
Parabéns aos gañadores e entre eles ao fotógrafo submarino tinerfeño Francis Pérez, distinguido na categoría Wildlife photojournalist (fotoperiodista de vida salvaxe ou de natureza), cuxa fotografía mostra un calderón tropical coa aleta caudal seccionada pola hélice dunha pequena embarcación.
FONTE: nhm.ac.uk e nationalgeographic.com.es/naturaleza
0 comentarios