CANTO SABES DE ARQUEOLOXÍA? XVII (FIN)
Remato coa serie Canto sabes de arqueoloxía?, na que puxemos a proba os teus coñecementos sobre esta disciplina que estuda as sociedades antigas a partir dos seus restos materiais.
A contestación correcta á pregunta de onte, e última da serie, é Datación por radiocarbono. A datación por radiocarbono é un método de datación radiométrica que utiliza o isótopo radioactivo carbono-14 (14C) para determinar a idade de materiais que conteñen carbono ata uns 50 000 anos. O 14C ten unha vida media de 5730 anos, (que é moi corta en comparación con outros isótopos usados en datación radiométrica) e descomponse en nitróxeno. Noutros métodos de datación, os pesados isótopos parentais producíronse por nucleosíntesis en supernovas, o que significa que calquera isótopo parental cunha vida media curta xa debería estar extinto. O 14C, con todo, créase continuamente a través das colisións dos neutróns xerados polos raios cósmicos co nitróxeno na atmosfera superior e, por tanto, permanece nun nivel case constante na Terra. O 14C termina como un compoñente traza no dióxido de carbono atmosférico (CO2).
Esquema da proporción de isótopos de 12C e 14C tanto na atmosfera como nos organismos vivos. Esta proporción é a mesma en todos os casos, xa que se transmite duns organismos a outros mediante a cadea alimenticia a partir dos organismos vexetais que o toman da atmosfera.
No momento que un organismo morre, a proporción entre os seus isótopos de carbono comeza a cambiar. A cantidade de 12C mantense igual que cando estaba vivo pero a cantidade de Carbono-14 diminúe debido á inestabilidade deste isótopo. O que lle sucede ao 14C é que, ao ser inestable, transforma un dos seu neutróns nun protón no que se coñece como proceso de decaemento, converténdose nun isótopo de 14N que si que é estable. O 14C é o que se denomina o isótopo pai, e o 14N é o isótopo fillo.
A cantidade de 14C dun resto orgánico redúcese de maneira exponencial, formando unha curva. O 14C tarda 5.730 anos en reducir á metade a súa cantidade na mostra, o que se coñece como semivida ou período de semidesintegración. Isto significa que 5.730 anos despois de morrer o organismo, os seus restos terá a metade de 14C que cando vivía; e que cando pasen outros 5.730 anos (aos 11.460 anos de morrer) o resto terá a metade da metade do 14C orixinal ou, o que é o mesmo, un cuarto do 14C orixinal.
Cando o organismo morre, a cantidade de 14C diminúe de maneira exponencial mentres que a de 12C mantense no tempo. Cada vez que a cantidade de 14C (isótopo pai) redúcese á metade ao transformarse en 14N (isótopo fillo), consómese unha semivida, o que supón 5.730 anos.
Chegará un momento en que todo o 14C orixinal do resto biolóxico transformouse en 14N, o isótopo pai esgótase e só existe isótopo fillo. A datación por radiocarbono deixa de ser posible. Iste, por exemplo, é o caso dos dinosauros que viviron hai máis de 65 millóns de anos e cuxos fósiles non conservan isótopos de 14C.
Desta maneira, grazas á proporción entre o isótopo de 14C e o de 14C no resto biolóxico podemos coñecer canto tempo pasou desde que o organismo morreu ata a actualidade, sempre que non fose hai máis de 60.000 anos aproximadamente, que é a idade máxima que podemos datar por este método.
E así remato esta serie. Seguro que quedan outras moitas preguntas, pero seran motivo dunha segunda parte.
Ata entón!
FONTE: Idea orixinal muyinteresante.es, gal.wikipedia.org e geolodiaavila.com
0 comentarios