A POLA OITAVA LEI DE EDUCACIÓN: LOMLOE
O Congreso dos Deputados aprobou onte, xoves 19 de novembro 2020, a que parece destinada a converterse na oitava lei educativa da democracia, a Lomloe (Lei Orgánica de Modificación de Lei Orgánica de Educación), máis coñecida como lei Celaá, pasando agora ao trámite do Senado.
Moito ruído ten producido estre proxecto de lei, pero cales son os seus puntos clave?
1. Medidas contra a segregación escolar: A lei inclúe unha batería de medidas encamiñadas a corrixir a distribución do alumnado desfavorecido entre as redes pública e concertada, que agora se matricula de forma desproporcionada na primeira. Por exemplo, na pública estudan nove de cada 10 rapaces dos fogares con menor renda. As comunidades deberán establecer “unha proporción equilibrada do alumnado con necesidade específica de apoio educativo que deba ser escolarizado en cada un dos centros públicos e privados concertados”. As actividades extraescolares de pago non poderán ofertarse en horario escolar. Tanto os centros públicos como privados concertados non poderán percibir cantidades das familias por recibir os ensinos de carácter gratuíto, impoñer ás familias a obrigación de facer achegas a fundacións ou asociacións nin establecer servizos obrigatorios, asociados aos ensinos, que requiran achega económica por parte das familias. Créanse oficinas de garantías que velarán polo proceso de admisión e ás que os pais poderán dirixirse para realizar a matrícula, reducindo a capacidade de manobra dos centros para elixir os alumnos. Prevese a redución de cocientes en contornas desfavorecidas. O criterio principal para adxudicar unha praza será a proximidade ao domicilio e, case ao mesmo nivel, a renda familiar. Todos os centros estarán obrigados a aceptar unha porcentaxe da chamada matrícula viva: a de alumnos, normalmente fillos de inmigrantes, que chegan tras a finalización do período de admisión ordinario ou co curso xa empezado e adoitan acabar maioritariamente en centros públicos. Os Concellos non poderán ceder chan para construír centros educativos que non sexan públicos. Suprímese o concepto de “demanda social” á hora de programar as prazas educativas, e sublíñase que a “educación pública constitúe o eixo vertebrador do sistema educativo”, instando as comunidades a garantir prazas suficientes nesta rede.
2. Limitación de repeticións: En España repetiu en torno ao 31% dos alumnos de 15 anos, case o dobre que no resto de países desenvolvidos. O feito de que a porcentaxe de quen non conseguen o título da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) alcance ao 25% reflicte, ademais, a escasa eficacia da repetición para mellorar a traxectoria educativa do alumnado. A nova lei prevé que só se poida repetir unha vez en primaria e dúas como moito en todo o ensino obrigatorio, e que o decida o equipo docente sobre a base de que será máis favorable a evolución académica do alumno, sen que dependa directamente de suspender máis de dúas materias. O título de bacharelato tamén poderá obterse “excepcionalmente” cun suspenso se os profesores cren que alcanzou os obxectivos da etapa.
3. Novo equilibrio entre o Goberno e as comunidades autónomas: A lei actual reforza as competencias educativas do Goberno (por exemplo na fixación do currículo, formado polo conxunto de obxectivos, contidos e criterios de avaliación), a nova norma vira cara a un modelo no que as comunidades teñen máis competencias e participación. O Ministerio de Educación fixará o 50% do currículo nas comunidades con lingua cooficial e o 60% nas que non a teñen. A lei tamén prevé que os centros educativos fixen parte do mesmo nunha proporción que deben determinar as autonomías. As comunidades estarán presentes no futuro Instituto de Desenvolvemento Curricular, que terá a misión de actualizar regularmente o currículo. E a lei prevé que o ministerio as consulte, no seo da Conferencia Sectorial de Educación, antes de tomar diversas decisións.
4. O castelán deixa de ser vehicular: Na nova lei o castelán deixa de ser lingua vehicular, unha expresión que introduciu na norma que se aprobou en 2013, que tamén figuraba no proxecto de lei aprobado polo Goberno e foi suprimida a través dunha emenda. A decisión ten un alcance práctico limitado a curto prazo: o Tribunal Constitucional e o Supremo xa resolveron que o castelán debe ser lingua vehicular e utilizarse en polo menos un 25% do horario lectivo en Cataluña (a comunidade onde funciona desde hai décadas o sistema de inmersión lingüística e concentra a polémica), e a pesar diso a Generalitat só aplicou as sentenzas nunhas decenas de casos e despois de que as familias recorresen de forma individual aos tribunais. Ningunha de tales circunstancias cambiará tras a aprobación da lei. A decisión si ten un gran valor simbólico e supón un recoñecemento implícito ao modelo de inmersión lingüística. As entidades que reclaman que o castelán tamén se use en Cataluña cren que dificultará o seu xa penoso camiño ante os tribunais para que a Generalitat cumpra as sentenzas do Constitucional e o Supremo. O Goberno destaca, pola súa banda, que o importante é que a lei establece que os alumnos deben acabar o ensino obrigatorio cun “dominio pleno” tanto do castelán como da lingua cooficial. E que cando iso non estea a suceder nun centro as comunidades deben adoptar as medidas necesarias para corrixilo.
5. Menos itinerarios e diversificación curricular: A norma elimina os itinerarios educativos que separaban de forma temperá aos alumnos na ESO introducidos pola norma lei actual, a lei Wert, parte dos cales non chegaron a aplicarse. En terceiro, os alumnos que vaian mal poderán matricularse nun programa de diversificación curricular (que implica, entre outras medidas, facer máis sinxelo o currículo), que continuará en cuarto e permitirá obter o título da ESO. Estes programas de diversificación son un dos puntos fortes da lei.
6. Avaliacións diagnósticas no canto de reválida: A lei cambia o modelo de reválidas implantado na lei actual por catro probas diagnósticas. En cuarto de primaria e segundo da ESO todos os alumnos farán uns exames para avaliar as súas competencias, que os centros deberán utilizar para aplicar plans de “mellora” e “equidade”. E en sexto de primaria e cuarto de secundaria tamén se realizarán probas, aínda que neste caso só cunha mostra de alumnos e cada varios anos, que neste caso servirán como “avaliación xeral do sistema educativo” a imaxe dos exames de PISA. Tantos uns como outros terán un carácter meramente “informativo e orientador para os centros, as familias e o conxunto da comunidade educativa” e non poderán utilizarse para establecer clasificacións de centros.
7. Catro tipos de bacharelato e ciclos en primaria: Ás tres modalidades actuais de bacharelato, que son os de Humanidades e Ciencias Sociais, Ciencias (que agora se chamará Ciencias e Tecnoloxía) e Artes, sumarase unha cuarta, chamada Xeral. Conterá aspectos tanto da rama científica como da de letras, e está pensada para aqueles alumnos que ao acabar a ESO (normalmente con 16 anos) non se decidiron por unha ou outra vía. A etapa de primaria volverá estar agrupada en ciclos de dous cursos, reducindo a súa compartimentación. E simplificarase o modelo de materias da lei actual, reducíndoas a obrigatorias e optativas (xa non haberá as chamadas de libre configuración).
8.Os centros decidirán parte das horas de clase: Os centros educativos desenvolverán parte do currículo, isto é, poderán decidir “unha porcentaxe dos horarios escolares”, que deberán orientarse ao traballo das competencias básicas. As comunidades decidirán que porcentaxe das horas poden fixar (que se descontará do 50% que poden fixar elas; a outra metade corresponde ao ministerio).
9. Fusionar materias: A agrupación de materias por ámbitos de coñecemento (impartir conxuntamente, por exemplo, Matemáticas, Bioloxía e Xeoloxía e Tecnoloxía) funcionou ben desde mediados dos anos noventa, cando empezou a utilizarse en grupos de alumnos que ían mal nos programas de diversificación curricular. Coa pandemia, o Goberno permitiu ás comunidades xeneralizalo a calquera curso e grupo do ensino obrigatorio (salvo cuarto da ESO), e a lei consolida o cambio. Deste xeito, aminórase o problema de que os alumnos que chegan aos institutos desde a escola pasan a ter de golpe “máis materias que anos” e outros tantos profesores, o que dificulta a súa adaptación e pode explicar, en parte, a elevada taxa de repetición dos primeiros cursos da ESO.
10. Pontes entre as 17 aulas virtuais autonómicas: O Ministerio de Educación impulsará a compatibilidade das aulas virtuais autonómicas. Cada autonomía optou pola súa, o que dificulta o intercambio de contidos. As aulas virtuais deberán permitir que os docentes cren facilmente materiais para as súas materias. Deberá mellorarse a formación inicial e continua do profesorado respecto diso, que a pandemia demostrou insuficiente.
11. Solidariedade interterritorial: A norma recupera os plans de cooperación interterritorial da LOE para inxectar fondos nos sistemas educativos autonómicos e contribuír ao “equilibrio territorial”. Terán prioridade os programas dirixidos a potenciar a escolarización “alcanzable” de cero a tres anos, a FP, a educación inclusiva, o plurilingüismo e a escola rural, así como os deseñados para reducir o abandono temperán.
12. Igualdade de xénero: A lei fai fincapé na promoción da igualdade entre homes e mulleres, un dos elementos transversais en todas as áreas de coñecemento. As comunidades deberán impulsar a presenza de mulleres nas ramas formativas con menor presenza feminina e a masculina naquelas con escaso número de homes. Os colexios que segreguen por sexos non poderán ser concertados. E desde o proxecto educativo co que se presenten os aspirantes para dirixir un centro ata os libros de texto, pasando pola formación do profesorado, deberán fomentar a igualdade.
13. Escolas sostibles: Para promover "a cultura da sustentabilidade ambiental” e contribuír a frear o cambio climático, as comunidades deberán reducir o impacto ecolóxico dos centros educativos, en coordinación coas institucións e organizacións da súa contorna. Tamén deberán crear “camiños escolares seguros”, para ir a clase a pé, e “promover os desprazamentos sostibles” ao colexio.
14. Máis competencias para o consello escolar: O Consello Escolar, no que participan profesores, familias e, a partir de secundaria, os alumnos, recupera as competencias que perdeu coa lei actual, que o limitou a funcións informativas. Entre elas: aprobará o proxecto educativo e a programación xeral do centro e participará na selección do director.
15.Educación especial: A lei senta as bases para unha progresiva transición desde un modelo con dúas redes educativas paralelas, unha ordinaria e outra especial, á que asisten uns 35.000 alumnos con discapacidade, que o Comité de Dereitos das Persoas con Discapacidade de Nacións Unidas cualificou de segregador, a outro que integre máis ambas. A curto prazo, mantense a redacción anterior en canto a que “a escolarización do alumnado que presenta necesidades educativas especiais rexerase polos principios de normalización e inclusión” e a afirmación de que a escolarización destes alumnos en centros de educación especial “só levará a cabo cando as súas necesidades non poidan ser atendidas no marco das medidas de atención á diversidade dos centros ordinarios”. Agora, ademais, engádese que “serán preceptivamente oídos e informados os pais, nais ou titores legais do alumnado” e a norma contempla que as discrepancias sobre o tipo de centro no que deben ser matriculados os alumnos con discapacidade deberá resolverse “sempre tendo en cuenta o interese superior do menor e a vontade das familias que mostren a súa preferencia polo réxime máis inclusivo”. Ao mesmo tempo, o Goberno e as comunidades deseñarán un plan para que, en 10 anos, “os centros ordinarios conten cos recursos necesarios para poder atender nas mellores condicións ao alumnado con discapacidade”. As Administracións seguirán financiando os centros especiais para que, “ademais de escolarizar aos alumnos e alumnas que requiran unha atención moi especializada, desempeñen a función de centros de referencia e apoio para os centros ordinarios”, en liña co sistema que se implantou con éxito en Portugal.
16. Relixión: A materia de Relixión será de oferta obrigatoria, pero deixará de contar na nota media do expediente (o que ten importancia para o acceso á universidade e a obtención de bolsas) e de ter unha materia alternativa que deban cursar quen non a elixan. A lei non di en que horario debe ofertarse, o cal queda en mans das comunidades.
17. Materia de valores cívicos: Nun dos cursos do último ciclo de primaria (quinto ou sexto) e noutro de secundaria estudarase a materia de Valores Cívicos e Éticos, centrada especialmente nos Dereitos Humanos e da Infancia, os recollidos na Constitución española, a igualdade de xénero, a cultura da paz, a función social dos impostos e “o respecto pola contorna e os animais”, entre outros elementos.
18. Cada alumno terá un número identificativo: Os alumnos terán un número identificativo para facilitar o "intercambio da información relevante” e “o seguimento das traxectorias educativas individualizadas”, co obxectivo de mellorar a estatística educativa, dentro das marxes que establece a normativa de protección de datos.
19. Apartar aos malos profesores: Os funcionarios “que mostren unha manifesta falta de condicións para ocupar un posto docente ou unha notoria falta de rendemento" poderán ser “removidos do seu posto” e destinados a “tarefas que non requiran atención directa co alumnado”.
20. Plans para futuras pandemias (ou outras emerxencias): O peche dos centros escolares en marzo demostrou que que o sistema non estaba preparado para dar o salto a unha modalidade a distancia. O ministerio e as comunidades “definirán un plan de continxencia para dar continuidade á actividade educativa de modo que garanta o dereito á educación do alumnado en calquera circunstancia”. O “plan de contixencia para situacións de emerxencia” abordará a organización do centro, a coordinación dos docentes e a comunicación coas familias, ademais de garantir a competencia dixital de alumnos e profesores e asegurar os medios técnicos.
21. Novo acceso docente e incremento do gasto público: A lei dá un ano ao Goberno para presentar un sistema de acceso á profesión docente, e de formación inicial e permanente. A norma concede dous anos ao Executivo para formular un plan de aumento do gasto público co que cumprir os obxectivos da lei. O mesmo contemplará o aumento do gasto público educativo ata o 5% do PIB, a porcentaxe que alcanzou en 2010 antes de caer pola crise. O ano pasado non chegou ao 4,2%.
22. Educación infantil: Nun ano o Executivo deberá presentar un plan a oito anos vista para ampliar de forma “suficiente e alcanzable” a oferta pública de prazas de cero a tres anos, procurando a súa gratuidade e "priorizando o acceso do alumnado en situación de risco de pobreza”.
23. Calendario de aplicación: O Goberno espera que o Senado ratifique a lei antes de fin de ano para que a LOMLOE estea en vigor para o próximo proceso de escolarización, que adoita empezar en marzo. O calendario establece que á súa entrada en vigor (20 días despois da súa publicación no BOE) serán automaticamente aplicables os cambios que afectan á admisión de alumnos, a autonomía dos centros docentes e as competencias dos consellos escolares. E o curso seguinte implantaranse as modificacións en materia de avaliación, repetición, titulación, organización e currículo.
Á espera do trámite do Senado, estas son as ideas básicas a coñecer e que tantos ríos de tinta provocou. Millor que anterior? Peor? Seguro que haberá comentarios para todos os gustos, iso si, moitos sen coñecemento de causa provocados polo ruído mediatico dos políticos.
Se vos fixades na imaxe inicial do artigo, veredes, por desgraza, que cambio de gobero e cambio de lei, o que leva a que un alumno-a no seu periplo escolar, tivese que pasar por máis dunha lei e os cambios consecuentemente aplicados.
A educación, un dos pilares básicos do noso país, merece un acordo amplo e duradeiro no tempo por parte dos actores políticos do país. Cando será iso? Tal como andan as cousas ultimamente, nunca!
Unha pena!
FONTE: Ignacio Zafra/educación/elpais.com e autoría propia
0 comentarios