Blogia
vgomez

MITOS SOBRE O CAMBIO CLIMÁTICO

MITOS SOBRE O CAMBIO CLIMÁTICO

Do cambio climático escribiuse e díxose moito, e en moitas ocasións os grupos de presión negacionistas contribuíron á proliferación de afirmacións falsas que persisten hoxe en día, cando xa case ninguén nega que o cambio climático sexa unha realidade.

Moitas destas mentiras aprovéitanse da incerteza inherente á ciencia: sabemos que o clima está a variar e que o seguirá facendo, pero os modelos non poden prever con exactitude milimétrica todos os detalles destes cambios. Da mesma forma, sabemos que os últimos anos foron os máis calorosos desde que se teñen rexistros, pero cada vez que se produce un episodio de frío ou nevadas intensas óese algunha voz supostamente experta que confunde clima con meteoroloxía e afirma que as baixas temperaturas son unha proba de que a Terra non se está quentando.

Hoxe en día xa case ninguén nega o cambio climático, pero os enganos que circulan sobre o mesmo non só teñen que ver coa súa existencia. Hai moitos mitos sobre as súas causas, sobre as súas implicacións e por suposto ao redor das súas solucións. Falamos dun problema moi complexo sobre o que aínda hai moito por saber, pero que xa nos está afectando: as súas consecuencias non forman parte dun futuro distópico afastado senón que xa son realidades. Tampouco existe unha solución única e máxica para frealo, e poñer escusas ou botar balóns fose para evitar facerlle fronte tampouco axuda a manexar o problema.

Dende hoxe, e diariemente, intentaremos desmontar algúns dos enganos e falsas afirmacións que circulan relacionados co cambio climático. Comezamos!

1. O EFECTO INVERNADOIRO É UN PROBLEMA AMBIENTAL


Aínda que son termos que van da man, o efecto invernadoiro é unha cousa e o cambio climático outra. O efecto invernadoiro en si mesmo non é un problema, de feito é un fenómeno natural decisivo para a vida tal e como a coñecemos na Terra e refírese á capacidade dalgúns dos gases que hai na atmosfera de reter parte da calor que chega dende o Sol e evitar que volva ao espazo. O problema é que a acción humana fixo que aumente tanto a cantidade de gases con efecto invernadoiro que se está provocando un quecemento global extra.

Mañá outro mito!

FONTE: Victoria González/muyinteresante.es

0 comentarios