O MOZO DA GRAN DOLINA ERA EN REALIDADE UNHA MOZA
Primeira representación da moza da Gran Dolina, Individuo H3 /
Un dos fósiles máis famosos de Europa, achado na serra de Atapuerca, en Burgos, e pertencente á especie Homo antecessor, é dunha moza de entre 9 e 11 anos e non dun home como se creu ata o de agora. Cecilia García-Campos, investigadora do Centro Nacional de Investigación da Evolución Humana (CENIEH), conta que a análise dental dos fósiles axudou a revelar a identidade sexual deste individuo que viviu hai máis de 800.000 anos. “O mozo da Gran Dolina era en realidade unha moza”, afirma García-Campos.
As conclusións do traballo, que se publicou o pasado martes na revista Journal of Anthropological Sciences, mostran que os dentes caninos do individuo H3, coñecido ata o de agora como o “mozo da Gran Dolina”, en referencia ao título dun emblemático libro de divulgación de José María Bermúdez de Castro, son femininos. “Baseámonos no estudo dos tecidos dentais para atopar as diferenzas sexuais dos fósiles”, explica García-Campos. Segundo a científica, as mulleres adoitan ter maiores dimensións de esmalte dental e os homes un maior compoñente de dentina, a estrutura ósea que suxeita o dente. “Neste caso descubrimos con sorpresa que os restos eran dunha moza que probablemente morrera nunha pelexa polo territorio”. O estudo mostra que o fósil tiña evidencias claras de canibalismo, apreciables nos cortes dos restos óseos destes individuos, probablemente froito dun enfrontamento entre grupos rivais.
Os restos humanos achados na Gran Dolina, analizados por moitos investigadores, estableceron que a especie Homo antecessor era caníbal, medía 1,70 metros e tiña un rostro moderno, similar ao dos humanos actuais. Os ósos dos dedos de mans e pés tamén eran parecidos aos dos Homo sapiens. A súa clavícula, en cambio, indica que o corpo era tan ancho como o dun neandertal. Con todo, ata a data non se puido avaliar o dimorfismo sexual desta poboación porque a maioría dos individuos incluídos na mostra son novas.
O estudo afirma que a metodoloxía de estimación sexual utilizada ten unha taxa de acerto de 92,3%, similar á que se obtería ao analizar un coxal ou un cranio. “A vantaxe que che dan os dentes é que son as pezas esqueléticas que mellor se conservan de todo o corpo humano e ademais fórmanse moi pronto na vida dos individuos. Isto permítenos estimar o sexo dos máis novos”, di García-Campos. Para a investigadora, a relevancia deste descubrimento está máis no plano social. “Poder dar unha denominación feminina a un fósil emblemático en Europa serve para visibilizar o papel da muller na historia da evolución humana”, di.
FONTE: Juan Manuel Hernández Bonilla/elpais.com/materia
0 comentarios