Blogia
vgomez

O ESPORÓN DE CEFEO

Ubicación do esporón de Cefeo na Vía Láctea / Pantaleoni et al.

A partir dun mapa moi detallado das posicións de estrelas masivas azuis, astrónomos españois descubriron unha nova estrutura na nosa Galaxia: unha especie de esporón que conecta o brazo de Orión co de Perseo.

Os datos obtidos polo telescopio espacial europeo Gaia están a revelarnos detalles sorprendentes da estrutura da Vía Láctea, a nosa Galaxia. Os astrónomos queren coñecer a distribución detallada de diferentes tipos de estrelas e a súa relación coas maiores estruturas galácticas, como o disco, os brazos espirais, ou o halo. E é que nestes compoñentes está escrita a longa historia da formación e a evolución da Vía Láctea. Así, utilizando ferramentas estatísticas para revelar os patróns principais da distribución de diferentes tipos de estrelas, os astrónomos van descifrando aos poucos os maiores episodios da complexa historia do noso fogar galáctico.

 Particularmente interesantes nos estudos galácticos son as grandes estrelas azuis (as de tipo O e  B, no argot dos astrónomos). Estas estrelas teñen vidas moi curtas e a súa mera presenza nunha rexión da Vía Láctea infórmanos sobre a actividade en formación estelar de tal rexión. En termos xerais, estas estrelas azuis están distribuídas ao longo dos brazos espirais, onde abundan as nubes interestelares nas que nacen todo tipo de estrelas. Ao ter unha vida tan curta, as estrelas azuis non chegan a afastarse moito do seu lugar de formación. Por todo iso, as estrelas azuis, que son grandes, moi masivas e brillantes, serven para deliñar as rexións máis activas da Galaxia.

Os astrónomos Michelangelo Pantaleoni González e Jesús Millo Apellániz (Centro de  Astrobioloxía, INTA-CSIC) levan varios anos estudando os catálogos destas estrelas masivas (que conteñen case 20.000 delas) e refinando os mapas da súa distribución espacial. Agora, grazas á chegada dosexcele ntes datos proporcionados polo telescopio Gaia da Axencia Espacial Europea (ESA) están a avanzar moitísimo no seu traballo. Grazas a un estudo coordinado por Pantaleoni, o grupo acaba de publicar os mapas máis detallados realizados ata a data dos brazos espirais da nosa galaxia.
 

Plano Galáctico visto de canto. En amarelo, as estrelas que forman o esporón de  Cefeo / Pantaleoni et al

Revisando a distribución das estrelas na veciñanza do Sol, os investigadores descubriron unha estrutura que non fora identificada ata o de agora. Trátase dun ramal que se estende desde o noso brazo espiral (o de Orión) cara á dirección exterior da Vía Láctea, onde se atopa o seguinte brazo (o de Perseo). Con case 8.000 anos-luz de lonxitude, esta especie de filamento non é exactamente coplanar co disco, senón que se eleva por encima do plano galáctico. Tales estruturas interbrazo adóitanse denominar ’esporóns’ (spur en inglés) e esta, en concreto, foi bautizada como ’esporón de Cefeo’, pois é nesta constelación onde pode apreciarse mellor, proxectada sobre a bóveda celeste.

Hai outros grupos de astrónomos estudando a estrutura da Vía Láctea e, máis concretamente, a rexión da contorna solar. Así, un equipo liderado por João Alves (Universidade de Viena), estudando a distribución do gas na Galaxia, identificara unha especie de filamento perpendicular ao plano galáctico coñecido como ondulación de Radcliffe. Pantaleoni e Millo pensan que o esporón de Cefeo podería ser unha manifestación desta ondulación e chegan a describir a súa estrutura con maior detalle.

Estes traballos mostran pois que o plano galáctico non é tan plano como se pensaba. O esporón de Cefeo e a ondulación de Radcliffe son parte dunha rugosidade que sobresae na dirección perpendicular ao plano. Poderiamos pensar que o plano galáctico é similar a unha tea engurrada posta sobre o chan, as rugosidades serían os abultamentos que se elevan sobre o plano horizontal.

Os astrónomos non coñecen aínda cal é a orixe precisa destas estruturas interbrazo. Certamente a colisión da Vía Láctea con outra galaxia de moito menor tamaño, nun pasado afastado, puido ocasionar este tipo de filamentos. Pero isto é algo sobre o que haberá que seguir investigando.

FONTE: Rafael Bachiller/elmundo.es/ciencia

0 comentarios