PLANETA "NOVE" DO SISTEMA SOLAR
É posible que o Sistema Solar teña un noveno planeta do tamaño de Neptuno e ninguén se deu conta? Si, e astrónomos de todo o mundo están a darlle voltas ao problema. Un novo estudo asegura que hai un “Planeta Nove” que tería 10 veces a masa da Terra. A súa órbita sería tan excéntrica que tardaría uns 15.000 anos en dar unha volta ao Sol. No seu momento de máximo achegamento ao noso planeta, este xigante estaría a 200 veces a distancia entre o Sol e a Terra. A distancia explicaría en parte por que ningún telescopio observou nunca a este posible substituto de Plutón nos libros de texto.
Por agora só hai evidencias matemáticas da súa existencia. Os autores do novo estudo son Konstantin Batygin e Michael Brown, do Instituto Caltech de California. Este último xáctase de ser “o home que matou a Plutón”, pois descubriu outros planetas ananos que foron o detonante para a súa rebaixa a esa categoría en 2006. Brown explora o chamado cinto de Kuiper, un inmenso mar de rochas, cometas e planetas ananos, moitos deles aínda por descubrir. Para chegar ata el habería que percorrer uns 5.000 millóns de quilómetros, e para entender que é o que defenden estes dous astrónomos hai que seguir uns 1.500 millóns de quilómetros máis aló, ata os límites exteriores do cinto. Nesta contorna os astrónomos estudaron as órbitas de seis corpos, os máis afastados que se coñecen nesta zona.
No seu estudo, publicado en Astronomical Journal, aseguran que os seis sofren o mesmo tipo de aliñamento e inclinación nas súas órbitas e que ese fenómeno pode explicarse polo empuxe gravitatorio dun planeta como o que describiron. Fixeron os seus cálculos usando modelos matemáticos que simulan o Sistema Solar, o que non é ningunha novidade en astronomía, pero afirman que son os máis precisos ata a data. As posibilidades de que sexa unha casualidade son dunha entre 15.000, sinalan estes científicos.
Outra cuestión é se a isto pódeselle chamar planeta, pois, segundo a definición oficial da Unión Astronómica Internacional (UAI), non o sería porque non limpou a súa órbita doutros corpos.
Confirmar a existencia deste corpo requirirá que outros equipos fagan os mesmos cálculos e cheguen ás mesmas conclusións, algo que pode levar “anos”.
FONTE: Xornal El País/Ciencia
0 comentarios