CANTO SABES DE XEOLOXÍA? XXIII (FIN)
Remato coa serie Canto sabes de xeoloxía? A xeoloxía é o estudo da Terra, dos materiais de que está feita, a estrutura deses materiais e os procesos que actúan sobre eles. Inclúe o estudo de organismos que habitaron o noso planeta.
A contestación correcta á pregunta de onte é 4.550 millóns de anos. A Terra primixenia formouse pola colisión e fusión de fragmentos de rochas máis pequenos, dos denominados planetesimais. Por iso, os elementos da Terra primixenia debían estar repartidos dun modo relativamente homoxéneo. Pero esta homoxeneidade debeu cambiar: a Terra foise quentando por causa das desintegracións radioactivas, pola crecente presión no seu interior e, ademais, polo bombardeo de partículas procedentes do Universo. Isto levou finalmente á fusión do ferro, que como elemento líquido máis pesado afundiuse no centro da Terra primixenia e formou o núcleo terrestre. Tras o arrefriado da codia terrestre externa apareceron os primeiros continentes. A vida xurdiu uns mil millóns de anos despois. A atmosfera e outras condicións abióticas foron alteradas de forma significativa pola biosfera do planeta, favorecendo a proliferación de organismos aerobios, así como a formación dunha capa de ozono que xunto co campo magnético terrestre bloquean a radiación solar daniña, permitindo así a vida na Terra.
E así rematamos con esta serie, que só pretendeu recordar e coñecer algúns aspectos importantes desta materia tan interesante.
Ata a próxima serie!
FONTE: Idea orixinal muyinteresante.es/ciencia, wikipedia.org e sgm.gob.mx Imaxe: okdiario.com
0 comentarios