SHUVUUIA, UN DIMINUTO DINOSAURO QUE CAZABA NA ESCURIDADE
Reconstrución artística do shuvuuia deserti / VIKTOR RADERMAKER
Un pequeno dinosauro terópodo chamado Shuvuuia, parte dun grupo coñecido como alvarezsaurios, tiña unha audición e unha visión nocturna extraordinarias. Un grupo internacional de científicos descubriron que este animal posuía unha lagena (o órgano que procesa a información do son entrante, chamado cóclea nos mamíferos) moi grande e case idéntica en tamaño relativo á curuxa común actual, o que suxire que Shuvuuia podería cazar en completa escuridade.
O achado, que acábase de publicar na revista Science, partiu do interese de Jonah Choiniere, profesor da Universidade de Witwatersrand (Sudáfrica) e autor do artigo, en comparar as habilidades visuais e auditivas dos dinosauros e as aves. O equipo internacional utilizou tomografías computarizadas e medicións detalladas para recompilar información sobre o tamaño relativo dos ollos e oídos internos de case 100 especies de aves vivas e dinosauros extintos.
Para medir a audición, o equipo fixouse na lonxitude da lagena. A curuxa común, que pode cazar en completa escuridade con só oír, ten a lagena proporcionalmente máis longa de todas as aves. Doutra banda, para avaliar a visión, o equipo observou o anel escleral, unha serie de ósos que rodean a pupila, de cada especie. Do mesmo xeito que a lente dunha cámara, canto máis grande pódese abrir a pupila, máis luz pode entrar, o que permite unha mellor visión pola noite. Ao medir o diámetro do anel, os científicos puideron determinar canta luz pode captar o ollo. Así é como tamén o equipo descubriu que moitos terópodos carnívoros como Tyrannosaurus e Dromaeosaurus tiñan unha visión optimizada para o día e unha audición mellor que a media, presumiblemente para axudalos a cazar.
A gran lagena de Shuvuuia foi un descubrimento sorpresa para o James Neenan, ex postdoctorado de Choiniere en Wits e outro dos autores do estudo. "Mentres reconstruía dixitalmente o cranio de Shuvuuia, non podía crer o tamaño de lagena. Chamei ao profesor Choiniere para que botase unha ollada. Ambos pensamos que podería ser un erro, así que procesei o outro oído. Só entón démonos conta do gran descubrimento que tiñamos entre mans. Non podía crer o que estaba a ver cando cheguei alí, supoñíase que as orellas de dinosauro non debían verse así".
Os ollos de Shuvuuia tamén eran notablemente grandes, xa que tiñan as pupilas proporcionalmente máis grandes ata o de agora medidas en paxaros ou dinosauros, o que suxire que probablemente poderían ver moi ben de noite.
Shuvuuia era un pequeno dinosauro, do tamaño dun pito, e vivía nos desertos do que hoxe é Mongolia. O esqueleto de Shuvuuia é un dos dinosauros máis estraños: ten un cranio fráxil, parecido a un paxaro; brazos musculosos cunha soa garra en cada man; e pernas longas como un correcamiños. Esta estraña combinación de características desconcertou aos científicos desde o seu descubrimento na década de 1990.
Cos novos datos sobre os sentidos de Shuvuuia, o equipo científico expón a hipótese de que, do mesmo xeito que moitos animais do deserto, Shuvuuia sería nocturno, usando a súa audición e visión para atopar presas como pequenos mamíferos e insectos, utilizando as súas longas patas para correr rapidamente e empregando as súas fortes patas dianteiras para sacar á presa de tobos ou vexetación.
"A actividade nocturna, a capacidade de escavación e as longas patas traseiras son características dos animais que viven nos desertos hoxe, pero é sorprendente velos a todos combinados nunha soa especie de dinosauro que viviu hai máis de 65 millóns de anos", afirma Choiniere.
FONTE: abc.es/ciencia
0 comentarios