PRIMEIRAS FOTOS DO ROVER CHINO EN MARTE
O rover Zhurong (esquerda) e a súa plataforma de aterraxe (dereita) / CNSA
O rover Zhurong, que aterrou o pasado sábado en Marte confirmando a China como potencia espacial, enviou á Terra as súas primeiras fotos. As imaxes mostran a plataforma de aterraxe, a rampla de saída, os paneis solares e a antena do rover, ademais de parte da despexada paisaxe de Utopia Planitia, a conca no hemisferio norte do planeta elixida previamente para a aterraxe. Nestes momentos, segundo informan desde a Administración Espacial Nacional China (CNSA), o vehículo prepárase para abandonar a plataforma e comezar a rodar polos arredores para inspeccionalos.
Zhurong é un orgullo para China, terceiro país en lograr colocar un enxeño na superficie de Marte por detrás de Estados Unidos e a Unión Soviética e segundo en ter éxito realmente, xa que o robot ruso da misión Mars 3 só estivo operativo uns segundos.
Tianwen-1, o orbitador a bordo do cal viaxou Zhurong, serve de ligazón de comunicacións entre o rover e a Terra para enviar as imaxes. Actualmente, o vehículo atópase dentro do módulo de aterraxe que o protexeu mentres caía cara á superficie de Marte, reducindo a velocidade coa axuda dun paracaídas e varios propulsores. A plataforma xa estendeu unha rampla, pola que Zhurong lanzarase pronto. As fotografías mostran un terreo libre de grandes rochas que non debería supoñer un gran reto para o robot.
O rover chinés, duns 240 quilos de peso e case dous metros de altura, aseméllase moito aos da NASA en Marte, aínda que as súas capacidades científicas non son tan ambiciosas. Concibido sobre todo como unha demostración tecnolóxica, durante a súa vida útil de 90 días realizará distintas análises xeolóxicas da contorna marciana coa axuda dos seus instrumentos: cámaras, un radar de penetración terrestre, un detector de campo magnético, unha estación meteorolóxica moito máis sinxela que a española MEDA (a bordo do rover Perseverance da NASA) e un instrumento para medir a composición química do po e as rochas. Todos os datos que obteña servirán á axencia chinesa para preparar futuras misións máis ambiciosas a Marte.
FONTE: Judith de Jorge/abc.es/ciencia
0 comentarios