CANTO SABES SOBRE OS RÍOS? XV
Continúo coa serie Canto sabes sobre os ríos, na que a través de preguntas refrescaremos os coñecementos sobre os ríos do mundo e de España, que aprendemos en xeografía.
A contestación correcta á pregunta de onte é Yangtzé. É o río máis importante en lonxitude de China cun curso total de 6.300 km, que o converten o terceiro máis longo do mundo tras o Nilo e o Amazonas. É, así mesmo, o máis longo de Asia. Nace a 5.405 m de altitude, no glaciar Gangjiajubu, sito na cara sur do pico Geladandong (6.621 m), que forma parte do cordal Tanggula Shan, na provincia de Qinghai. Desemboca no Mar da China oriental formando un enorme delta, ocupado por terras agrícolas, lagos e estanques, numerosos illotes e millares de hectáreas de canaveirais. Alí érguese a cidade portuaria de Shanghai, a maior metrópole chinesa.
E imos coa pregunta de hoxe!
15. Atopa os 3 cazapos sobre as vertentes hidrográficas da península ibérica.
- Vertente atlántica: Miño, Limia, Douro, Texo, Guadiana, Guadalquivir, Guadiaro, Tinto e Odiel.
- Vertente mediterránea: Ebro, Ter, Turia, Xucar, Segura, Almanzora, Guadalhorce e Guadalete.
- Vertente cantábrica: Eume, Eo, Nalón, Narcea, Nervión, Deva e Bidasoa
Mañá a solución e unha nova pregunta!
FONTE: Idea orixinal fundacionaquae.org, viajes.nationalgeographic.com.es e gl.wikipedia.org Imaxe: cerebriti.com
0 comentarios