GRANDES CIENTÍFICAS NA SOMBRA III: CECILIA PAYNE
Continúo o percorrido pola ciencia do século XX que revela grandes descubrimentos realizados por mulleres, cuxos méritos non foron recoñecidos no seu momento: GRANDES CIENTÍFICAS NA SOMBRA.
A discriminación de xénero, a competitividade, o respecto ás xerarquías e o peso do coñecemento científico establecido xogaron en contra das ideas revolucionarias destas mulleres pioneiras.
Hoxe falaremos de Cecilia Payne quen non puido licenciarse en Cambridge xa que non daban títulos universitarios a mulleres (e non o fixo ata 1948), tendo que emigrar aos Estados Unidos.
Cecilia Helena Payne-Gaposchkin (Wendover, Buckinghamshire, Reino Unido, 10 de maio de 1900–Cambridge, Massachusetts, Estados Unidos, 7 de decembro de 1979). Astrónoma e astrofísica anglo-americana. Descubriu a composición do Sol. Tamén tivo unha carreira marcada pola discriminación de xénero, sobre todo na súa Inglaterra natal. Alí estudou ciencias na Universidade de Cambridge e puido asistir a conferencias de grandes científicos pero non puido licenciarse, porque Cambridge non daba títulos universitarios a mulleres daquela. Cecilia Payne quería ser científica e para iso tivo que emigrar en 1923 a Estados Unidos, onde empezaba a haber bolsas para atraer ás mulleres cara á investigación en astronomía.
Cecilia Payne no Observatorio de Harvard / Smithsonian Institution
Payne conseguiu unha bolsa para facer o doutoramento no Observatorio de Harvard, aínda que o título deullo unha universidade asociada, porque Harvard era aínda exclusivamente masculina. Da súa tese doutoral, presentada en 1925, díxose entón que “sen dúbida é a tese máis brillante que se escribiu en astronomía”. E iso que Henry Norris Russell, un colega que lla revisou, convenceuna para que retirase dela unha conclusión importante: a novata Cecilia Payne propoñía no seu primeiro traballo astronómico que o Sol estaba composto nun 99% por hidróxeno.
Era unha idea revolucionaria, pois entón o consenso científico asumía que a nosa estrela era de maiormente de ferro (un 65%), cunha composición similar á da Terra. Russell, como o resto de astrónomos, non se tomou moi en serio o atrevemento de Payne ata que anos máis tarde chegou á mesma conclusión por outro camiño. Entón el atribuíuse o mérito, aínda que citou brevemente a Payne na súa publicación científica, e durante moitos anos recoñecéuselle como autor do descubrimento.
Mentres tanto, Cecilia Payne seguiu observando as estrelas, avanzando no estudo da súa evolución e da estrutura da nosa galaxia, a Vía Láctea. E tamén empezou a destacar en Harvard como unha profesora sobresaliente e apaixonada. Pero extraoficialmente, porque en teoría só era unha asistente técnica e os seus cursos non estaban no catálogo oficial. Tiveron que pasar 15 anos ata que se lle recoñecera como astrónoma e 31 anos ata que en 1956 foi a primeira muller aceptada como profesora titular na principal facultade da Universidade de Harvard, onde tamén foi a primeira muller que dirixiu un departamento. A súa traxectoria académica abriu camiño e inspirou a grandes científicas que viñeron despois.
FONTE: bbvaopenmind.com/ventana al conocimiento
0 comentarios