GRANDES CIENTÍFICAS NA SOMBRA VI: JOCELYN BELL
Continúo o percorrido pola ciencia do século XX que revela grandes descubrimentos realizados por mulleres, cuxos méritos non foron recoñecidos no seu momento: GRANDES CIENTÍFICAS NA SOMBRA.
A discriminación de xénero, a competitividade, o respecto ás xerarquías e o peso do coñecemento científico establecido xogaron en contra das ideas revolucionarias destas mulleres pioneiras.
Hoxe falaremos de Jocelyn Bell, quen dicía "Na década do 60 a xente vía á ciencia como unha actividade realizada por homes rodeados de subordinados dos que non se esperaba que pensasen".
Susan Jocelyn Bell Burnell (Belfast, Reino Unido, 15 de xullo de 1943). Astrofísica norirlandesa. Ela nunca quixo entrar na polémica da súa exclusión do Nobel de Física en 1974. Réstalle importancia e non o ve como unha discriminación de xénero, senón como unha cuestión de xerarquía entre un estudante e os investigadores que o supervisan, «que deben levar o crédito dos éxitos e fracasos, salvo en casos excepcionais. E este non o é».
Jocelyn Bell, no ano de seu gran descubrimento (1967) / Roger W Haworth
Como estudante de doutoramento, Bell axudou a construír un radiotelescopio na Universidade de Cambridge e comezou a estudar os sinais que captaba do espazo profundo. Revisaba metros e metros de papel impreso con gráficas, ata que un día de 1967 descubriu unhas estrañas marcas, demasiado rápidas e demasiado regulares. Recoñeceu que alí había algo importante, aínda que non soubo o que era. Ela e o seu director de tese, Anthony Hewish, denominaron a aquel sinal LGM (siglas de Little Green Men, “homiños verdes” en inglés), chanceando coa posibilidade de que fosen sinais enviados por extraterrestres.
Máis adiante comprendeuse que aqueles estraños sinais eran emitidas por unha estrela de neutróns virando a gran velocidade, que foi denominada púlsar. O comité dos Nobel recoñeceu a Hewish polo descubrimento dos púlsares pero ignorou a Jocelyn Bell, o que desatou a reacción airada de eminentes científicos na primeira ocasión en que a Academia Sueca premiaba un traballo de astronomía. Para un deles, Iosif Shklovsky, Bell realizara «o maior descubrimento astronómico do século XX».
FONTE: bbvaopenmind.com/ventana al conocimiento
0 comentarios