Blogia
vgomez

UN RÉPTIL CASE DESCOÑECIDO, ATOPADO NUNA REDADA: TUPANDACTYLUS NAVIGANS

Imaxe do fósil completo do Tupandactylus navigans. Recreación por ordenador/Victor Beccari

Os investigadores non podían crer o que estaban a ver. En Brasil, unha parte importante dos fósiles que se atopan son vendidos e exportados ilegalmente a Europa e EE UU. Nos últimos anos, as autoridades quixeron combater este espolio e, en 2013, a Policía Federal entregou á Universidade de São Paulo 3.000 mostras incautadas nunha redada contra este tráfico de fósiles, para a súa análise e catalogación. A sorpresa dos investigadores foi maiúscula cando descubriron un exemplar completo de Tupandactylus navigans, unha especie de réptil voador do Cretácico (hai entre 145 e 66 millóns de anos). Ata o momento, as mostras que atoparan unicamente permitían coñecer detalles sobre o cranio destes animais.

Esta especie, o Tupandactylus navigans, pertence á familia dos tapejáridos, un subgrupo dos pterosaurios. Estes réptiles voadores pertencen ao Cretácico Temperán e caracterízanse por ter unhas enormes cristas. En Brasil, os seus fósiles son abundantes, pero a maioría son só caveiras, o que dificultaba o estudo en profundidade deste grupo. Con todo, o exemplar atopado tras esta redada está en moi bo estado de conservación. Segundo Victor Beccari, investigador da Universidade de São Paulo e un dos autores do estudo, o individuo conta con “máis do 90% do seu esqueleto e restos do tecido brando da crista da cabeza e dun pico de queratina, similar ao que teñen as aves actuais”.

O fósil atópase repartido en seis grandes pedras cortadas á mantenta e que encaixan perfectamente entre si. Esta división ten a mesma forma que se utiliza nas canteiras da Formación Crato, unha zona moi rica en sedimentos fósiles na que conviven as explotacións comerciais e paleontolóxicas. Neste caso, as pedras posiblemente fosen cortadas para ser vendidas para a construción, ata que se decataron da presenza deste fósil. Ademais, as características das rochas confiscadas correspóndense cos leitos de calcaria da zona, o que leva aos investigadores a situar na rexión a súa orixe. Aínda así, os expertos creen que será moi difícil atopar a localización exacta. Esta área é coñecida pola gran cantidade de restos fósiles atopados nos últimos anos, cun nivel de conservación altísimo grazas aos materiais da zona.

O estudo, publicado na revista PLOS One, permitiu coñecer con detalle as características físicas desta especie. Medía máis de 2,5 metros de envergadura (de punta dunha ata a outra) e ata un metro de alto, aínda que case a metade da altura correspondía á crista. Con estas proporcións, sumadas a un pescozo longo, os investigadores sospeitan que o animal non podía voar grandes distancias. “O esqueleto mostra diferentes adaptacións para ter un despegamento poderoso, que o animal podería utilizar para fuxir rapidamente dos depredadores”, asegura Beccari. Deste xeito, o Tupandactylus veríase empuxado a realizar a maior parte do seu día a día en terra firme. “Iso significa que este animal podería alimentarse de material vexetal duro, como sementes, piñas ou froitos duros”, considera o investigador.

Futuras probas permitirán ao equipo de Beccari coñecer máis detalles sobre a especie e confirmar moitas das súas sospeitas. “Utilizarase unha análise 3D do cranio para estimar a forza de mordida e entender que tipo de alimentación tiña. O modelo 3D do corpo pode axudarnos nun estudo aerodinámico máis preciso para probar a nosa hipótese sobre as capacidades de voo deste animal. Ademais, o tecido brando da crista xa está a ser estudado para entender a súa conservación e mesmo quizais a súa coloración. A idea é utilizar luz ultravioleta para ver si hai algún patrón de cor na crista”, enumera.

FONTE: Alberto Quero/elpais.com/ciencia

0 comentarios