Blogia
vgomez

DEBILITAMENTO DO VÓRTICE POLAR

Resulta do máis natural que nun contexto de quecemento global a poboación só poida imaxinar un futuro con máis ondas de calor e secas. Con todo, o cambio climático ten os seus propios paradoxos. A medida que sobe a temperatura media mundial tamén o fai a probabilidade de que se produzan eventos térmicos extremos. Neste sentido, as anomalías poden ser tanto positivas (por encima da media) como negativas (por baixo). Só hai que lembrar que ocorreu con Filomena o pasado xaneiro, o temporal invernal que colapsou España.

A revista Science acabar de publicar un artigo que reafirma a tese de que os invernos nas rexións medias do hemisferio norte poden ser máis xélidos debido ao enfraquecemento do vórtice polar, un cinto de ventos que confina un aire moi frío na estratosfera polar e que está directamente conectado co desxeo do Ártico.

A medida que o branco desaparece do polo norte e deixa ao descuberto o océano aumenta a evaporación e o achegue de humidade na zona de Eurasia, que se traduce nun incremento da capa de neve. Si a extensión de neve alcanza grandes dimensións inflúe na dinámica do anticiclón térmico que se crea durante os meses invernais nesa rexión do mundo e que determina en boa medida como se distribúen as masas de aire moi frío ao modificar a circulación atmosférica nas rexións tépedas.

Cando a presión deste anticiclón térmico está moi elevada o que ocorre é que se produce un movemento de aire desde a troposfera, a capa da atmosfera que está en contacto coa superficie, cara á estratosfera, que está xusto por encima e prodúcese un quecemento súbito estratosférico.

No hemisferio norte este fenómeno produce dous efectos. Por unha banda o aire frío que é desaloxado da zona estratosférica polar móvese cara a latitudes medias e pode eventualmente alimentar borrascas profundas con procesos de desenvolvemento explosivo. Por outra banda, inflúe tamén na corrente en chorro, que se debilita e adopta un modo máis meridional, co consecuente risco de chegada de masas de aire moi frío procedente de zonas polares ou árticas.

Os autores do artigo explican que o enfraquecemento do vórtice polar presenta "unha tendencia crecente estatisticamente significativa tanto no outono como no inverno". Unha confirmación de que tamén hai que esperar frío extremo en Europa.

FONTE: Xavier Fonseca/lavozdegalicia.es

0 comentarios