Blogia
vgomez

AS HISTORIAS SON GRANDES PONTES PARA ACHEGAR CULTURAS

 

As historias e personaxes que poboan a literatura de Edna Iturralde pertencen a diferentes etnias e móvense pola selva, os montes ou as rúas de América Latina. A escritora cimenta o seu traballo na investigación para mostrar os problemas do continente e rescata a tradición oral para narrar o territorio, os seus heroes e as súas apaixonantes historias. “Quero ser unha ponte entre as comunidades que existen no meu país para que nos coñezamos”, reflexiona a escritora. Iturralde é a precursora da etnohistoria narrativa e está considerada a autora máis prolífica da literatura infantil e xuvenil ecuatoriana.

Con tan só once anos escribiu unha obra de teatro escolar, pero foi ao transcribir os contos que narraba aos seus fillos cando arrincou a súa carreira literaria. ‘Panchita a hipopótamo baletista’ inicia unha bibliografía que hoxe conta con máis de 60 títulos, entre os que se atopan o superventas ‘Verde foi a miña selva’ ou ‘Bágoas de anxos’. 

Iturralde fundou e dirixiu a revista infantil La Cometa, exerceu de profesora de Escritura Creativa na Universidade San Francisco de Quito e é, ademais, fundadora da Academia de Literatura Infantil e Xuvenil do Ecuador e da Unión de Escritores de Literatura Infantil. Foi nomeada ata en tres ocasiones para o prestixioso Premio Internacional ALMA e acaba de recibir o Premio Cervantes Chico. 

O seu achegamento á multiculturalidade, á historia e ás problemáticas sociais e ambientais do continente fan dela un referente das letras latinoamericanas. “A tolerancia é un dos valores máis importantes para lograr a paz”, sentenza.

0 comentarios