AS CORES DA BIOTECNOLOXÍA
Ve botánica detrás do gol de Iniesta no Mundial ou espírito crítico escondido nun cartón de leite. José Manuel López Nicolás mantén as que el chama “lentes do científico” cando goza dun partido de fútbol ou vai ao supermercado. Desde a súa ambición divulgativa anima ao público a probar eses anteollos para que “descubran a ciencia da vida cotiá”.
Licenciado en Ciencias Químicas pola Universidade de Murcia e Premio Extraordinario de Doutoramento, actualmente é Vicerreitor de Transferencia e Divulgación Científica ademais de Catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular da mesma universidade. Publicou máis dun centenar de artigos nos campos da bioquímica, a nutrición ou a biotecnoloxía e, no seu afán de traducir a ciencia en termos comprensibles para todos, leva unha década detrás do blog SCIENTIA. Unha bitácora pola que López Nicolás recibiu numerosos premios no ámbito da comunicación científica. “Transferir o coñecemento á sociedade é unha ferramenta imprescindible para o progreso da humanidade”, sentencia o científico.
Na educación recoñece un gran poder transformador. Na intimidade da aula derrama entusiasmo pola ciencia: “É importante que os profesores emocionemos aos alumnos para motivalos a aprender”, asegura. Pero a paixón divulgativa de José Manuel López Nicolás exprésase tamén en forma de libros. Os máis recentes: ‘Un científico no supermercado’ ou ‘A ciencia dos campións’, nos que relaciona diferentes disciplinas científicas coas pequenas cousas que nos rodean.
0 comentarios