OS BURACOS NEGROS SERÍAN A MATRIZ DO UNIVERSO E A PORTA A OUTROS MUNDOS
O universo podería xurdir no interior dun buraco negro que é a porta a outro universo moito maior, expón o físico polaco Nikodem Poplawski (Toruń-Polonia, 1 de marzo de 1975) nun artigo publicado na revista Journal of Experimental and Theoretical Physics.
Segundo o prestixioso dixital Sparrho, Poplawaski é un dos candidatos a desempeñar na Física actual un papel equivalente ao que representou Albert Einstein o século pasado: a súa teoría de que cada buraco negro é unha porta a outro universo foi considerada pola revista Science como un dos principais descubrimentos de 2010.
A súa investigación céntrase en como a gravidade pode resolver problemas fundamentais da cosmoloxía, como a orixe do Big Bang, da inflación do universo ou da materia escura, que presiona constantemente para a expansión das galaxias e cúmulos.
A súa resposta a estas cuestións, maxistralmente explicadas fai nove anos en InsideScience, baséase en dous aspectos fundamentais do universo: o xiro ou rotación que domina ás partículas cuánticas, e na torsión, entendida como a capacidade destas partículas de facer virar un obxecto.
Para elaborar a súa teoría, Poplawski apóiase nos efectos da mecánica cuántica sobre a gravidade (aínda hipotéticos), que considera conducen a unha imaxe alternativa do universo. Ises efectos incorporan á cosmoloxía unha propiedade cuántica coñecida como espín, que determina o momento angular dunha partícula, é dicir, a potencia do movemento de rotación que ostenta.
Poplawski sinala que os espíns das partículas que constitúen o universo interactúan co espazo-tempo e outórganlle unha propiedade chamada torsión.
No marco da súa teoría, iso significa que os espíns son os que provocan, por unha banda, a curvatura do espazo-tempo, e doutra banda, os que xeran tamén a rotación do universo no seu conxunto, unha hipótese establecida cada vez con maior consistencia.
Engade Poplawski que o mecanismo de torsión xurdido da interacción dos espíns está presente tamén no interior dos buracos negros, xurdidos do colapso de estrelas moi masivas.
A torsión que desencadean os espíns no interior dun buraco negro non só impide que colapse pola súa propia gravidade, senón que o fai virar a unha velocidade próxima á da luz e que produza un novo universo no seu interior, segundo a súa teoría.
Se iso é certo, a primeira materia que se formou no noso universo procedía doutro lugar (e non da nada). Tamén sería certo que o noso propio universo está a latexar no interior dun buraco negro, que á súa vez forma parte doutro universo máis antigo, sinala Poplawski.
Tamén expón que o noso universo mesmo estaría situado dentro dun buraco de verme (un atallo a través do espazo-tempo) localizado entre un buraco negro (que todo o devora polo seu campo gravitatorio) e un buraco branco (que deixa escapar enerxía). É dicir, o noso universo estaría situado entre a luz e a escuridade.
Esta teoría alternativa do universo tería profundas implicacións, por exemplo, que a frecha do tempo, que no noso universo vai do pasado ao futuro pasando polo presente, é unha herdanza do universo que nos procreou no interior dun buraco negro, pertencente a ese outro universo maior.
Segundo Poplawski, a torsión podería ser tamén a fonte da enerxía escura e explicar o desequilibrio que existe no universo entre materia e antimateria.
Conclúe cunha visión non menos sorprendente: dado que todas as estrelas e, por tanto, os buracos negros viran, o noso universo herdaría o eixo de rotación do buraco negro proxenitor como unha dirección preferida. É dicir, como unha opción física, entre outras.
A idea de que o noso universo está completamente contido dentro dun buraco negro proporciona respostas a estes problemas e moitos máis, destaca Poplawski.
Aínda que escribiu numerosos artigos sobre esta teoría, con gran repercusión científica e mediática, no último artigo Poplawski explica que a produción de partículas cuánticas, cos seus correspondentes espíns, durante a expansión do universo, pode xerar un período finito de inflación e producir enormes cantidades de materia.
O universo resultante deste proceso sería oscilatorio, con cada ciclo de maior tamaño que o ciclo anterior, ata que alcanza o tamaño cosmolóxico e expándese indefinidamente.
Neste contexto, conclúe, o noso universo podería haberse orixinado no interior dun buraco negro do que aínda non nos demos conta. Será tamén ese buraco negro o final do noso universo, como suxire Penrose?
FONTE: Eduardo Marínez de la Fe/farodevigo.es
0 comentarios