Blogia
vgomez

CANTO SABES SOBRE A HISTORIA DA ARTE? XXII

 

Continúo coa serie CANTO SABES SOBRE A HISTORIA DA ARTE como disciplina académica, restrinxida ás denominadas artes visuais ou plásticas (esencialmente a pintura, escultura e arquitectura).

A contestación correcta á pregunta de onte é Prerrománico. San Miguel de Lillo é unha igrexa prerrománica dedicada a San Miguel Arcanxo, construída polo rei Ramiro I (790-850) no monte Naranco, nos arredores de Oviedo (Asturias). A arte asturiana ou prerrománico asturiano é un estilo artístico do prerománico, localizado na zona á beira do mar Cantábrico que quedou libre da ocupación musulmá a finais do século VIII. Estivo vixente até o comezo do século X, cando se adoptou a arte románica procedente de Francia. Orixinalmente tivo planta basilical de tres naves, pero só se conserva unha terceira parte da súa lonxitude, porque durante o século XIII ou comezos do XIV arruinouse a causa das malas condicións do chan. Consérvase unicamente o vestíbulo e o arranque das súas tres naves. Sobre o primeiro atópase a tribuna real, franqueada a ambos os lados por dúas pequenas estancias. A cuberta está abovedada, mediante un sistema complexo de bóvedas de medio canón. As naves están separadas por arcos que descansan en columnas, feito inusitado na arte asturiana, xa que o habitual era o uso do piar como soporte. Estas columnas apóianse en altas basas cadradas que acollen decoración escultórica de arcos que encadran figuras. Está realizada na súa meirande parte de perpiaño. As ventás presentan belas celosías talladas en pedra. A construción resulta esvelta e amosa certo interese do seu autor polas proporcións, posto que a súa altura é o triplo da anchura das súas naves. Declarada pola UNESCO Patrimonio da Humanidade en 1985.

E imos coa pregunta de hoxe!

22. Cal destes principios NON é característico da arte exipcia?

- Lei da frontabilidade

- Inmutabilidade

- Realismo

- Perpectiva xerárquica

Mañá a solución e última pregunta da serie!

FONTE: Idea orixinal culturizando.com, goconqr.com  e gl.wikipedia.org      Imaxe: gl.wikipedia.org     

0 comentarios