PALABRA DO ANO: TANXUGUEIURAS
Vai rematando un ano máis marcado mundialmente pola pandemia, pero o 2021 tamén trouxo alegrías que moi ben soan. A palabra que simboliza unha delas, tanxugueiras, acaba de se converter na Palabra do Ano 2021, tras se facer coa maioría dos votos das persoas que participaron na elección popular promovida polo Portal das Palabras. A voz máis elixida entre as que chegaron á final do concurso promovido pola páxina web para a difusión do léxico galego da Real Academia Galega e a Fundación Barrié (tamén o fixeron coada, gromo, resiliencia e vacinódromo) gañou popularidade nos últimos meses da man da banda de Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro, un referente dos novos camiños que está a abrir, con grande éxito, a música tradicional galega. E malia non estar no Dicionario, a palabra que escolleron para chamarse artisticamente ten as raíces ben chantadas no idioma de Galicia: Tanxugueiras é en realidade o plural dun microtopónimo, que elevado á Palabra do Ano se converte tamén nunha icona da gran riqueza da lingua galega como produtora de nomes de lugar que conforman un patrimonio inmaterial único no mundo.
O topónimo Tanxugueira popularizado pola banda musical designa unhas terras da parroquia de Fumaces, no concello de Riós (Ourense), situadas nun alto e abeiradas. No territorio galego hai outro lugares co mesmo nome nos concellos de Catoira (Pontevedra), Dodro (A Coruña) e, de volta na provincia de Ourense, en Viana do Bolo.
O vocábulo é unha alteración da forma etimolóxica Teixugueira, un zootopónimo común no país que sinala os sitios onde hai presenza ou abundancia de teixugos ou porco teixos, un tipo de mamífero de vida nocturna que se alimenta de bichocas, landras e plantas coma a do millo, polo que nalgúns lugares de Galicia se tocaba o corno polas noites para espantalo. Esta voz popular remite probablemente ao latín taxo, taxonis, o nome latino que recibía o ‘teixugo’, aínda que podería vir tamén dunha suposta forma xermánica *thahsus ou do gótico *thahsuks.
A Real Academia Galega e a Fundación Barrié promoven dende 2014 a elección da Palabra do Ano a través do Portal das Palabras, o proxecto que comparten para a modernización do traballo lexicográfico e a divulgación da lingua galega. Nas edicións anteriores foron elixidas Palabra do Ano nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).
FONTE: portaldaspalabras.gal
0 comentarios