OS CASTROS DE GALICIA XIII
Continúo coa serie OS CASTROS DE GALICIA. Hoxe tócalle ao castro de Candaz.
O Castro de Candaz atópase situado entre as desembocaduras do río da Lama e o río Enviande no río Miño, na parroquia de Pedrafita (Chantada, Lugo) e é de datación descoñecida xa que non se realizou ningunha escavación arqueolóxica do lugar. Considérase que foi fundado polo cónsul romano Lucio Campero destinado en Lugo e vinculado familiarmente aos “montañeses de Galicia”, que loitaría xunto coa tribo dos aunonenses fronte a dúas lexións romanas mandadas polo emperador Traxano. Trala derrota, Lucio retírase ao castro. Era un lugar estratéxico xa que só podíase acceder a el por unha pequena franxa de terra sendo o resto rodeado polas augas.
Na idade media, igual que moitos outros castros de Galicia foi utilizado para a construción dunha fortaleza que máis tarde foi destruída pola revolta irmandiña (S. XV) e posteriormente volta reconstruír pola familia Taboada.
Ata o día de hoxe só consérvanse as fundacións ou cimentos das estruturas xa que se cre que a súa pedra foi reutilizada para a construción de moitas terrazas de viñedos que se poden atopar, tanto nas partes alagadas polo encoro de Belesar como nas actuais e de cotas máis elevadas.
O castro só é visible nunhas cantas épocas do ano, xeralmente no mes de agosto, cando as augas do Miño retíranse e déixano ver no seu esplendor. A zona nalgúns lugares é de difícil acceso por estreitas estradas que van bordeando os viñedos cultivados en terrazas ás marxes do Río.
Mañá outro castro!
0 comentarios