Blogia
vgomez

O INVERNO PASADO EN GALICIA, O MÁIS CÁLIDO E SECO DO SÉCULO

O informe climatolóxico do inverno 2021-2022 elaborado por MeteoGalicia, que inclúe os meses de decembro, xaneiro e febreiro, indica que a estación foi moi cálida, cunha anomalía positiva na temperatura media de +1,15ºC. En canto ás precipitacións, este inverno ten unha porcentaxe dun 37% inferior á media do período 1981-2010, o que fai que poida considerarse seco.

Porcentaxe de precipitación acumulada no inverno 2021-2022. Mapa de anomalías de precipitación en forma de porcentaxe respecto aos valores normais (1981-2010), sendo 100% a porcentaxe que representa a normalidade.

Referente ás precipitacións, estas no mes de decembro foron normais. Non ocorreu o mesmo en xaneiro, na que a porcentaxe de precipitación foi un 64% inferior ao habitual, considerándose un mes moi seco, cun número medio de días de chuvia maior ou igual a 1 L/m2 de 6,1. O inverno rematou cun febreiro no que novamente as choivas foron en xeral moi escasas, cunha porcentaxe de precipitación dun 67% inferior ao normal, menos incluso que no precedente no ano 2012.

Mapa de desviacións de temperatura media respecto ao valor de referencia no período 1981-2010. Foi un inverno cunha anomalía media de +1,6ºC.

A explicación a que os meses de xaneiro e febreiro tan pouco húmedos atopámola no predominio de situacións anticiclónicas frecuentes e duradeiras, que provocan tempo estable e ausencia de precipitacións, algo inusual para este período.

Respecto ás temperaturas, o inverno comezou cun mes de decembro no que as máximas e as mínimas foron elevadas, cunha temperatura media de 10,8ºC, o que representou unha anomalía de +2,1ºC, dando como resultado un mes moi cálido para este período. Xaneiro, en cambio, presentou un gran contraste entre as temperaturas máximas, extremadamente cálidas debido ao forte predominio anticiclónico, e as mínimas, que foron moi frías debido a que esta estabilidade deixaba noites despexadas con fortes xeadas en puntos do interior. Pese a iso, o mes considerouse cálido.

O inverno rematou cun mes de febreiro no que o predominio anticiclónico tamén foi o habitual. As temperaturas mínimas acadaron valores normais para esa época do ano, e mesmo foron frías nalgunhas localidades do interior. Non obstante, as máximas foron en xeral elevadas. No conxunto da comunidade a temperatura media acadou un valor de 9,7ºC, o que representa unha anomalía de +0.9º C, e por tanto, pode considerarse un mes cálido.

FONTE: Xiana Meda/gciencia.com/medioambiental

0 comentarios