ACHADO UN DENTES DE XABRE EXTINTO DO TAMAÑO DUN GATO MONTÉS
O investigador Ashley Poust sostén o fósil achado no xacemento. Ao fondo, un cráneo de "Smilodon", un dos macairodontinos máis coñecidos / San Diego Natural History Museum
O fósil achado no xacemento de Santiago Formation (California, Estados Unidos) e bautizado co nome de Diegoalelurus vanvalkenburghae é único: representa o primeiro espécime descuberto en América do Norte dun depredador cun tamaño parecido ao do gato montés actual.
Tan só se conserva a parte inferior da mandíbula, con dentes case intactos que achegan valiosa información sobre o comportamento e evolución dos primeiros mamíferos que tiveron unha dieta baseada exclusivamente en carne (hipercarnivorismo).
Os detalles publicáronse na revista PeerJ.
“Na actualidade, a habilidade para alimentarse só de carne non é tan rara: os tigres, leóns, ou mesmo os osos polares son exemplos claros; se tes un gato, é posible que teñas a un hipercarnívoro na casa”, explica Ashley Poust, coautor do traballo, e investigador do Museo de Historia Natural (NAT) de San Diego, en Estados Unidos.
“En cambio, hai 42 millóns de anos os mamíferos aínda estaban a pescudar como sobrevivir alimentándose exclusivamente de carne”, engade Poust.
Segundo o paleontólogo, un dos maiores avances evolutivos neste sentido produciuse cando algúns mamíferos desenvolveron dentes especializados para cortar carne, unha característica anatómica presente neste fósil recentemente descuberto.
Este depredador prehistórico pertence á subfamilia dos macairodontinos, un misterioso grupo animal extinto na actualidade, sen relación próxima cos carnívoros actuais.
“Sabemos moi pouco sobre eles, así que calquera descubrimento nos achega moita información”, subliña Shawn Zack, investigador da Universidade de Arizona e primeiro autor do estudo.
“Este fósil de Diegoaelurus, relativamente completo e ben conservado, é especialmente útil porque os dentes permítennos inferir a dieta e empezar a entender como se relacionan os macairodontinos entre si”, engade o investigador.
O nome do depredador fai honra ao condado de San Diego, onde se atopou o espécime, e á científica Blaire Van Valkenburgh, expresidenta da Sociedade de Paleontoloxía de Vertebrados, cuxo pioneiro traballo sobre a evolución dos carnívoros influíu nesta investigación, segundo indican os autores.
O D. vanvalkenburghae era do tamaño dun gato montés, pero co queixo óseo orientado cara a abaixo para protexer os seus dentes de sabre superiores. As súas características serían as dun cazador eficiente e relativamente novo. “Non existía nada semellante nos mamíferos desa época”, explica Poust.
“Algúns antepasados dos mamíferos tiñan cabeiros longos, pero o Diegoaelurus e os seus escasos parentes representan a primeira adaptación felina cara a unha dieta baseada exclusivamente en carne, con dentes de sabre na parte dianteira, e dentes de tesoira cortantes —chamados carnais— na parte traseira”, engade o autor. Este animal e os seus parentes representan unha primeira tentativa de hipercarnivoría: o estilo de vida que seguen os felinos actuais.
Segundo os autores, esta é unha potente combinación morfolóxica que varios grupos de animais desenvolveron de forma independente nos millóns de anos transcorridos desde entón.
Ilustración que suxire como puido ser o felino atopado / San Diego Natural History Museum
Con só uns poucos especímenes fósiles procedentes de Wyoming e Asia, os macairodontinos son tan pouco coñecidos que os científicos nin sequera están seguros de se había varias especies convivindo no mesmo período de tempo. “Este achado demostra que eran máis diversos do que pensabamos”, apunta Zack.
“Xa sabiamos que existía un felino de maior tamaño, Apataelurus, que vivía no que hoxe é o leste de Utah. Agora atopamos este espécime máis pequeno que viviu aproximadamente na mesma época, o que indica a posibilidade de que atopemos máis”, engade.
Ademais desta coexistencia solapada, Poust sinala que estes individuos poderían ter compartido espazo con outros dentes de sabre.
“O Diegoaleurus, aínda que antigo, é o máis recente destes depredadores macairodontinos, o que o sitúa a pouca distancia da época en que os seguintes animais felinos chegaron a América do Norte, coñecidos como nimravides ou falsos felinos de dentes de sabre”, sinala.
“Coincidiron algunha vez estes grupos? Competiron polo espazo e as presas? Aínda non o sabemos, pero San Diego está a demostrar ser un lugar sorprendentemente importante para investigar a evolución destes animais prehistóricos”, conclúe Poust.
FONTE: gciencia.com
0 comentarios