Blogia
vgomez

BOLBORETAS



As bolboretas son uns insectos fascinantes e fáciles de observar no campo. Pertencen á orde dos Lepidópteros, unha palabra de orixe grega que significa ás con escamas, unha orde de insectos holometábolos (é dicir, de metamorfose completa), case sempre voadores, caracterizados, entre outras cousas, porque despois de ter superado o estado de larva, presenta dous pares de ás. Agrupa tanto ás bolboretas diúrnas como ás avelaíñas ou bolboretas nocturnas.

Son estas ás cheas de escamas pigmentadas e reflectoras o que dá ás bolboretas o seu espectacular e rechamante colorido. Ademais de ser tan agradables de observar, estas cores xogan un papel moi relevante na reprodución e supervivencia das bolboretas.

Segundo as últimas investigacións, as cores das bolboretas son o produto de pequenas estruturas nas ás, denominadas xiroides, que refractan a luz do sol como un prisma. E, aínda que pareza mentira, resulta que é tan só un xene o encargado de regular estes ricos patróns de coloración, como demostrou un estudo publicado na revista Proceedings of the National Academy of Sciences (PNAS) no ano 2017.

Os investigadores utilizaron a técnica de edición xenética CRISP/Cas para inactivar devandito xene e observar os cambios na coloración das ás da bolboreta. O que observaron é que este xene, denominado WntA, é o mesmo para todas as especies de bolboretas, pero funciona de modo distinto en cada unha delas e mesmo se expresa en zonas distintas das ás: unhas veces nas veas e outras na base destes órganos.  

A complexidade destas pequenas  escamas que forman as ás das bolboretas é tal, que cada unha delas ten unha estrutura única, un feito que inspirou mesmo a creación dunha tecnoloxía para blindar tarxetas de crédito e documentos contra posibles falsificacións. Fíxoo unha empresa serbia, que bautizou a tecnoloxía como Teslagram e aplica as escamas de bolboretas falecidas por morte natural a calquera obxecto que se queira protexer, incluíndo obras de arte.

As bolboretas son fascinantes e cada vez descubrimos máis cousas sorprendentes sobre elas. Por exemplo, un traballo publicado en Frontiers in Ecology and Evolution en 2016 atopou que a especie de bolboreta Graphium sarpedon ten no seu ollo quince tipos de fotorreceptores, todo un récord no mundo dos insectos e que lle permite detectar toda unha variedade de cores distintas.

Hai que lembrar, que a supervivencia de moitas bolboretas, do mesmo xeito que a doutros polinizadores, está hoxe comprometida, entre outras cousas, polo uso abusivo de herbicidas e  insecticidas.

A partires de mañá, iremos coñecendo algunhas das bolboretas máis fascinantes e bonitas do mundo.

Espero que che gusten!

FONTE: Sarah Romero e Victoria González/muyinteresante.es/naturaleza       Imaxe: milenio.com/istockphoto

0 comentarios