O SONO NA SOCIEDADE DAS PRÉSAS
Nunha sociedade con “tecnoestrés” e “hiperiluminada” esquecemos un aspecto clave na saúde física e mental: o descanso nocturno. Jana Fernández, Máster en Fisioloxía do Sono e autora do libro ‘Aprende a descansar’ e de podcasts sobre benestar e descanso, sinala a importancia de durmir suficientes horas e en condicións adecuadas. A hixiene do sono sería un aspecto máis do autocoidado, como a adecuada alimentación e practicar deporte. A falta de sono afecta as capacidades cognitivas de nenos, adolescentes e adultos, porque está implicado en funcións como aprender, asimilar e lembrar.
“Durmir é unha función fisiolóxica esencial. Durante o sono prodúcese todo un proceso de limpeza do noso cerebro. É cando consolidamos a memoria e a aprendizaxe e equilíbrase o noso sistema nervioso, por exemplo, para ter unha boa saúde mental. Pola noite crecemos e rexenéranse os tecidos, porque é o momento no que segregamos maior cantidade de hormona de crecemento e fortalécese a resposta inmune do organismo”. Con todo, advirte a autora, afixémonos a vivir entre pantallas de luz azul baixo luz artificial, a un ritmo frenético que lle resta horas ao descanso, confiando no vello mito de recuperar o sono perdido durante a fin de semana.
0 comentarios