CALENDARIO ESCOLAR CURSO 2022/2023
No DOGA de onte, 2 de xuño, publícase o calendario escolar para o curso 2022/23 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia.
Aspectos máis relevantes:
- As actividades lectivas nas ensinanzas de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria, de bacharelato e de formación profesional realizaranse desde o día 8 de setembro de 2022 ata o 21 de xuño de 2023, ambos inclusive.
Non obstante o anterior, para o segundo curso de bacharelato a impartición efectiva das clases rematará de acordo coas datas previstas para a avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (en diante, ABAU).
As actividades lectivas nas ensinanzas de réxime especial realizaranse desde o día 8 de setembro de 2022 ata o 30 de xuño de 2023, ambos inclusive, de acordo cos calendarios de probas de acceso e probas de certificación establecidos para cada unha delas.
- Os períodos de vacacións escolares no curso académico 2022/23 serán os seguintes:
Nadal: desde o día 23 de decembro de 2022 ata o día 6 de xaneiro de 2023, ambos inclusive.
Entroido: os días 20, 21 e 22 de febreiro de 2023.
Semana Santa: desde o día 3 ata o día 10 de abril de 2023, ambos inclusive.
- Días non lectivos: Ademais das festas de ámbito estatal, son días non lectivos os festivos así declarados pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e as festas laborais de carácter local publicadas por resolución da devandita consellería.
Nos centros en que unha ou as dúas festas laborais de carácter local a que se refire o punto anterior non coincidan con días lectivos, os consellos escolares, os consellos sociais ou, na súa falta, os responsables dos centros de menos de tres unidades poderán solicitar, segundo proceda, un ou dous días non lectivos, que deberán preverse na programación xeral anual do centro, argumentando razóns de tradición, costume ou conveniencia pedagóxica. É recomendable que os centros da mesma localidade elixan, de ser o caso, os mesmos días non lectivos, para o cal se buscará o consenso entre todos os centros para a súa selección.
- Día do Ensino coa consideración de non lectivo e que no curso 2022/23 se celebrará o 31 de outubro de 2022.
Para completar toda a información preme AQUÍ.
FONTE: xunta.gal/dog
0 comentarios