Blogia
vgomez

ILUSIÓN ÓPTICA: O BURACO NEGRO QUE PARACE SAÍR DA IMAXE

Unha nova investigación amosa unha ilusión óptica que engana ao ollo simulando un buraco negro que vai aumentando nun espazo de valeiro de luz. Este efecto ten unha razón de ser pois, tal e como indicaron os seus investigadores, o movemento ilusorio cara adiante é unha forma que ten a nosa mente de prepararnos para un cambio de escenario. Segundo recolle Science Alert, ante esta composición visual as nosas pupilas do ollo dilátanse e, deste modo, a pesar de que na realidade a imaxe é estática, ao predecir un cambio do brillo a escuridade, o noso sistema visual axústase con certa rapidez, como defensa adaptativa do corpo a condicións potencialmente perigosas.

O estudo, publicado en Frontiers in Human Neuroscience, analizou, nun primeiro momento, como o buraco e os puntos que o rodean poden chegar a afectar as nosas respostas mentais e fisiolóxicas, a través de varias probas reais cunha mostra de 50 participantes con visión normal. Así, atoparon que a ilusión do movemento cara adiante era máis efectiva cando o buraco era negro, pois facía aumentar as pupilas dos suxeitos, ao contrario que outras cores máis claras como o branco. Os autores tamén comprobaron que o 14% do grupo non percibía esa expansión ilusoria ou que percibía o aumento do buraco con distinto grao de intensidade. Os investigadores indicaron que cando a rexión central é negra, probablemente as nosas pupilas nos estean preparando para un cambio de luminancia nun futuro próximo. Deste modo, aqueles individuos cuxas pupilas tardaron en dilatarse, terían máis difícil poder navegar na escuridade de forma eficiente.

FONTE: gciencia.com/fotonautas

0 comentarios