Blogia
vgomez

DESCOBREN A PLANTA MÁIS GRANDE DO MUNDO EN AUSTRALIA: MIDE 200 QUILÓMETROS CADRADOS E 4.500 ANOS

Un exemplar de Posidonia Australis / DAVID HARASTI

A planta máis grande do mundo, un organismo mariño duns 200 quilómetros cadrados, (máis de tres veces a illa de Manhattan) foi achada no oeste de Australia por científicos que determinan que ten uns 4.500 anos de antigüidade, segundo un estudo publicado onte.

Os investigadores atopábanse colleitando plantas para un proxecto de restauración cando, a través do uso de ferramentas de estudo xenético, descubriron que os 18.000 marcadores colleitados na Baía Shark pertencían a un único espécime.

"Deixounos pampos", recoñeceu Jane Edgeloe, líder desta investigación publicada na revista científica Proceedings of the Royal Society B, nun comunicado da UWA, onde realiza estudos doutorais.

"Os 200 quilómetros cadrados existentes de praderías mariñas parecen expandirse a partir dunha soa planta colonizadora", apunta Edgeloe.

Esta enorme planta é unha especie da herba mariña Posidonia australis, tamén coñecida como herba bóla de fibra ou herba cinta, común en augas do sur de Australia.

Ata a data, a colonia clonal Pando (Populus tremuloides), no estado de Utah, considerábase o organismo coñecido máis grande do mundo ao conectar a través das raíces 47.000 arboles de álamo xeneticamente idénticos ao longo de 43 hectáreas.

Ademais do seu enorme tamaño, a quilométrica planta descuberta en Australia distínguese doutras herbas da súa mesma familia por ser poliploide, é dicir que ten o dobre de cromosomas que os seus parentes oceánicos, segundo explicou a bióloga Elizabeth Sinclair, experta en evolución da UWA e coautora do estudo.

As plantas poliploides, característica xenética que comparte esta herba mariña coas patacas ou bananas, adoitan residir en lugares con condicións ambientais extremas e a miúdo son estériles, aínda que poden seguir medrando como o fixo este espécime.

"Mesmo sen a floración nin a produción de sementes, parece ser realmente resistente, xa que (esta herba mariña) experimenta unha ampla gama de temperaturas e salinidades, ademais de condicións de luz extremadamente altas, que en conxunto serían tipicamente moi estresantes para a maioría das plantas", precisou Sinclair, na revista científica The Conversation.

A pesar das condicións hostís da Baía de Shark pola abundancia de luz, baixos niveis de nutrientes, grandes fluctuacións de temperatura e alta salinidade, esta planta logrou sobrevivir durante séculos.

Este especimen, que medra ao redor de 35 centímetros ao ano, tería uns 4.500 anos de antigüidade, segundo estima o estudo, no que tamén participan científicos da Universidade de Flinders.

Os científicos sospeitan que a enorme planta, que afrontou temperaturas que varían entre os 17 aos 30 graos e diversos niveis de salinidade, ten un pequeno número de mutacións que a axudan a persistir nas condicións locais, segundo apuntaron en The Conversation.

As praderías mariñas que existen na Baía Shark formáronse en augas pouco profundas mediante a creación e a captura de sedimentos, o que fixo que a auga sexa máis salgada, despois de que se asolagasen as dunas areosas desta zona patrimonial hai máis de 8.500 anos.

FONTE: elmundo.es/ciencia

0 comentarios