JURASSIC WORLD: DOMINIO
Ultimamamente levo falado neste blog, e seguirei facéndoo, de dinosauros. Esta fin de semana chega aos cines a película Jurassic World: Dominio, secuela da cinta da saga de ciencia ficción e aventuras que se estreou en 2018 (O reino caído). Esta sexta entrega está protagonizada por Chris Pratt e Bryce Dallas Howard, así como polos actores da película de 1993 Jurassic Park, incluídos Sam Neill, Laura Dern e Jeff Goldblum. Xa só polo mero feito de ver a estes actores, moitos opinaron que “merece a pena o prezo da entrada” só por velos de novo no mundo dos dinosauros dirixido por Steven Spielberg e baseado no libro homónimo do autor estadounidense Michael Crichton.
Nesta nova entrega os dinosauros son máis grandes, hai máis acción e máis momentos ’horribles’, á vez que máis criaturas mesturadas con humanos. Pero unha investigación sacou á luz un erro científico importante que cometeu a nova película de Jurassic World Dominio. O fallo?
Un dos momentos máis emocionantes da película, é precisamente cando Quetzalcoatlus, un xénero extinto de pterosaurios pterodactiloideos do Cretácico superior e un dos maiores animais voadores coñecidos de todos os tempos, descende do ceo e ataca o avión dos nosos queridos protagonistas. É unha das imaxes que aparece no tráiler da película que tedes arriba.
Coas súas xigantescas ás que alcanzan os 10 metros de longo estendidas de punta a punta, Quetzalcoatlus tivo que ser un espectáculo aterrador. Pero, en que se equivoca acinta? Unha análise aerodinámico dirixido por investigadores da Universidade de Nagoya en Xapón suxire que a película errou na forma de facer ver voar a este pterosaurio. Segundo o traballo, estas criaturas xigantes non poderían voar máis que unha curta distancia e nin moito menos voar a tanta altura e precipitarse sobre unha presa coma se dun falcón tratásese.
Esta é a súa ficha técnica:
Título orixinal: Jurassic World: Dominion
Ano: 2022
Duración: 146 min.
País: Estados Unidos
Produtora: Amblin Entertainment, Universal Pictures, Perfect World Pictures, Latina Pictures.
Distribuidora: Universal Pictures
Xénero: Ciencia ficción. Acción. Fantástico. Aventuras. Dinosauros.
Dirección: Colin Trevorrow
Guión: Emily Carmichael, Colin Trevorrow. Historia: Derek Connolly, Colin Trevorrow. Personaxes: Michael Crichton
Música: Michael Giacchino
Fotografía: John Schwartzman
Reparto: Chris Pratt, Bryce Dallas Howard, Laura Dern, Jeff Goldblum, Sam Neill, Isabella Sermon, DeWanda Wise, Mamoudou Athie, Omar Sy, Campbell Scott, BD Wong, Justice Smith, Daniella Pineda, Scott Haze, Kristoffer Polaha, Dichen Lachman, Enzo Squillino Jr., Elva Trill, Freya Parker, Alexander Owen.
Sinopse: Catro anos despois da destrución de Isla Nublar, os dinosauros agora conviven, e cazan, cos seres humanos en todo o mundo. Este fráxil equilibrio remodelará o futuro e determinará, dunha vez por todas, se os seres humanos seguirán na cúspide dos depredadores nun planeta que comparten cos animais máis temibles da creación.
Ideal para os seguidores de dinosauros!
0 comentarios