Blogia
vgomez

FENÓMENO ASTRONÓMICO: ALIÑACION DE CINCO PLANETAS

O ceo contará cunha anómala aliñación dos planetas, colocados no ceo segundo a súa distancia ao Sol / Observatorio Astronómico Nacional

Este mes de xuño trae consigo o primeiro fenómeno astronómico do verán: dende o pasado domingo ata o final desta semana os planetas Mercurio, Venus, Marte, Xúpiter, Saturno e máis a Lúa, poderán observarse a simple vista no ceo, sen precisar telescopio. Este feito, apuntan os expertos, non é algo habitual, aínda que xa acontecera no século pasado e, máis recentemente, no ano 2014.

Sobre o mes de novembro tamén tivemos unha aliñación observable a vista de todo o mundo, na que estaban Venus, Xúpiter e Saturno, e na que entrou despois a Lúa. Pero a que está a a acontecer agora é moito máis completa, porque van estar todos os planetas observables a simple vista (Venus, Marte, Xúpiter e Santurno) e tamén os dous que requiren de telescopio para poder ser apreciados no ceo: Urano e Neptuno”, explica José Ángel Docobo, director do observatorio astronómico Ramón María Aller Ulloa, da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Este sorprendente escenario poderá ser visto sen telescopio entre 45 minutos e 1 hora antes da saída do Sol, comezando dende o leste. Neste momento os planetas aliñaranse no ceo segundo a súa distancia co Sol, de forma que o máis baixo de todos será o que máis preto se atope da gran estrela. “Este feito é algo moi curioso. Primeiro estará Mercurio, logo Venus, Marte, Xúpiter e por último Saturno. Ademais, os outros dous planetas, que únicamente poderán ser vistos cun telescopio, posicionaranse entre os xa mencionados: Urano estará no medio de Venus e Marte e Neptuno entre Xúpiter e Saturno”, expón Docobo. “Este fenómeno tardará, polo menos, 18 anos máis en volver repetirse“, engade o experto.

Segundo expón o Real Observatorio de Madrid en Twitter, esta semana, ao anoitecer, a Lúa iluminará todo o ceo polo sudeste e hoxe, martes 14 de xuño, o satélite da Terra estará en fase chea, coincidindo a súa saída coa posta de Sol. Ademais, será lixeiramente máis grande do habitual.

FONTE: gciencia.com

0 comentarios