SOMOS DIFERENTES, PERO XUNTOS FACEMOS COUSAS EXTRAORDINARIAS
Un asubío anuncia a conclusión do partido. É a final da Copa Mundial de Rugby de 1995 e o capitán dos Springboks, a selección surafricana, alza os brazos ao ceo para, de inmediato, fincar o xeonllo no chan, abatido pola emoción. Aquel deportista de case dous metros é François Pienaar, un home consciente de que aquela vitoria transcendía o deporte. “No escenario, o señor Mandela entrégame o trofeo, ponme a man no ombreiro e dime: “François, grazas polo que fixeches por este país”. E eu respóndolle: “Non, señor. Grazas polo que vostede fixo por este país”, lembra o exxogador.
Os alleos ao rugby recoñecen a Pienaar porque saltou mundialmente á fama grazas á película ‘Invictus’, baseada no libro superventas ‘O factor humano’ de John Carlin. Pouco despois da abolición do sistema do Apartheid en Sudáfrica, o presidente Nelson Mandela puxo en mans de Pienaar un logro capaz de unir e inspirar á nova nación surafricana: o triunfo da súa selección oficial de rugby no mundial.
Mandela deu todo o seu apoio ao equipo e espertou un forte nacionalismo no país a medida que avanzaba o torneo. Gañaron. François Pienaar converteuse accidentalmente nunha peza crave da historia. E o rugby, un deporte tradicionalmente asociado á minoría branca, transformouse no emblema da reconciliación de todo un país. “Abrazábase xente de todas as razas”, rememora o deportista.
0 comentarios