Blogia
vgomez

A SOLUCIÓN NON É RECOLLER OS PLÁSTICOS DO MAR, É QUE NON CHEGUEN

A polución por plásticos nos océanos converteuse nun problema mundial. Estímase que 14,5 millóns de toneladas de plástico son vertidas ao mar cada ano.

Ao longo dos últimos anos, xurdiron numerosas plataformas co fin de reducir o impacto dos plásticos na natureza. Pero podemos considerar isto unha solución válida ao problema que xera a vertedura incontrolada destes residuos?

A vida dos plásticos non acaba unha vez chegan ao mar. A presenza dalgúns elementos plásticos, como útiles de pesca no caso da pesca pantasma, poden ter un efecto negativo na supervivencia dos ecosistemas mariños.

Pero os plásticos presentes no medio mariño tamén poden ser usados por numerosos organismos que necesitan vivir fixados a unha superficie. Poden ser o fogar de bacterias, pólipos, moluscos e outros seres vivos que doutra forma non poderían colonizar ese espazo, reforestando un medio que podería estar arrasado anteriormente.

Como ocorre cos arrecifes artificiais, a presenza destes novos substratos pode fomentar a creación de ecosistemas que a longo prazo se farán máis complexos, incrementando a biodiversidade da zona. Por iso en ocasións a súa retirada do medio unha vez pasou o tempo e se creou un ecosistema ao redor do residuo pode xerar maior destrución que deixar que este permaneza.

A esta posible destrución do medio hai que engadir outros factores que dificultan a recollida dos residuos plásticos, en especial a longo prazo.

Por unha banda, o continuo estrés físico e químico que sofre o plástico no mar provoca a fragmentación de macroplásticos en micro e nanoplásticos, cun diámetro menor a 5 mm.

Os microplásticos, a pesar do seu pequeno tamaño, causan numerosos efectos negativos no medio mariño. A súa talla tan reducida fai case imposible a súa detección e recuperación. Ademais, a súa composición é tan variada que a súa reutilización é case imposible.

Os plásticos de maior tamaño son máis fáciles de detectar, pero non por iso estamos ante unha tarefa sinxela. A súa capacidade para flotar e o baixo peso permítenlles percorrer longas distancias antes de chegar a novas costas. Ademais, pódense dar grandes zonas de acumulación, como ocorre na gran illa de lixo do Pacífico.

Por outra banda, a heteroxeneidade e perda de calidade que presentan estes residuos reduce a posibilidade de que sexan devoltos á vida útil, supoñendo que poidamos recuperalos.

As condicións do medio, a climatoloxía e a actividade biolóxica de microorganismos mariños alteran a integridade e a composición química dos plásticos. Esta modificación resulta nunha diminución da calidade do plástico como materia prima e, por tanto, nunha perda de interese por parte do comprador de plástico.

A falta de rendibilidade económica na reutilización de plástico mariño reciclado é un dos principais problemas aos que se enfronta agora mesmo a industria. O problema é que o seu baixo valor económico desemboca en que non se desenvolvan as actividades necesarias para extraelo.

Á baixa calidade do material súmanselle os altos custos asociados á recollida e limpeza do residuo plástico. O plástico que provén do mar deberá ser “capturado” e levado a terra. Así mesmo, é necesario limpar os restos biolóxicos ou outros contaminantes que se adheriron á súa superficie.

Na actualidade está a tratarse de concienciar e incentivar a pescadores para que dediquen parte da súa actividade para recoller plásticos e especialmente a non devolver ao mar aquel plástico recolleito durante a extracción dos peixes. Con todo, o escaso beneficio que lles achega dificulta a incorporación desta actividade económica no sector.

Todos estes factores encarecen un produto de calidade inferior á do plástico novo, xa de seu máis barato, e á do residuo que xa está no ciclo de reciclaxe desde o seu refugallo. Isto é determinante para as empresas á hora de elixir a materia prima para os seus produtos. En consecuencia, continúase producindo plástico en lugar de reciclar ou reusar aquel recuperado do mar.

Hoxe en día, existen empresas que ofrecen produtos feitos con plástico reciclado ou recuperado. Con todo, se miramos atentamente a materia prima, é probable que esta non proveña do mar, senón que fose recuperada antes de ser refugada. A compra do residuo farase directamente ao xerador deste, eliminando os custos asociados á súa recuperación e tratamento.

É necesario desenvolver e fomentar a valorización do plástico usado como un produto de uso e non como un refugallo. Esta sería a mellor forma para evitar que acabe no mar, xa que a industria captaríao antes de ser descartado.

Aínda que na actualidade existen iniciativas a nivel europeo e global que promoven o uso de plástico reciclado na industria, é necesario consolidar a implantación de prácticas de economía circular. As empresas produtoras teñen que incorporar esta dinámica de reutilización nos seus procesos produtivos. O consumidor debe esixir produtos sensibles co medio ambiente e estar disposto a pagar un pouco máis por eles.

Para iso, son necesarios avances tecnolóxicos que axuden a aproveitar máis os residuos xa xerados, mellorando os procesos de produción e reciclaxe. Con todo, as solucións van máis aló da innovación tecnolóxica. Necesítanse cambios na lexislación que fomenten a reciclaxe e a reutilización, prohibindo accións como a exportación de lixo fóra da Unión Europea. E máis aló da política, é necesario promover prácticas sociais que axuden á reutilización do plástico acordes cos principios da economía circular.

Como se pode deducir despois desta análise, unha vez chega o plástico ao mar, o problema vólvese cada vez máis complexo. Canto máis tempo pasa un residuo no océano, máis probable é que nunca chegue a saír deste. Con todo, evitar que os plásticos cheguen require atallar o problema desde distintos ángulos, buscando innovacións tecnolóxicas, políticas e sociais.

FONTE: gciencia.com (Saray Ramírez Rodríguez/David Fernández Guerrero/Lourdes Reig Puig/Martín Federico Alba é Riccardo Palazzolo Henkes)   IMAXE: elplural.com

0 comentarios