Blogia
vgomez

FAUNA EN PERIGO DE EXTINCIÓN EN GALICIA IX

En Galicia, segundo o catálogo da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, hai máis dunha vintena de especies en perigo de extinción. Imos co apartado adicado aos artrópodos, no que falaremos de catro.

 

Bolboreta arlequín / Luis Fernández García/Wikimedia Commons e Caranguexo de río / David Gerke/Wikimedia Commons

17. Bolboreta arlequín (Zerynthia rumina)

As colonias de bolboreta arlequín (Zerynthia rumina) en Galicia están moi localizadas e illadas entre si. Exemplos disto son as do Parque Nacional das Illas Atlánticas e a do Parque Natural da Serra da Enciña de Lastra. Como tantas outras especies, a súa principal ameaza é a alteración do hábitat que se deriva, sobre todo, das repoboacións forestais. Máis especificamente, pola eliminación dos espazos abertos. Así mesmo, os insecticidas e o gando caprino, que consome a súa planta nutricia, son outros dos principais perigos para esta especie.

18. Caranguexo de río (Austropotamobius pallipes)

A presenza do caranguexo de río (Austropotamobius pallipes) en Galicia é pequena e dispersa, localizándose tan só nas provincias de Lugo e Ourense. Adoitan vivir en charcas e regatos de augas frescas e pouco profundas. A súa situación está moi comprometida, sobre todo polo fungo Aphanomices astaci, causante do “enorme declive” das súas poboacións. Así mesmo, as verteduras orgánicas e de deterxentes, a pesca furtiva, a dragaxe de ríos e regatos e as canalizacións de encoros e novas construcións contribúen a poñer en perigo esta especie.

Continuará!

FONTE: gciencia.com/medioambiental

0 comentarios