Blogia
vgomez

O EIXO DA TERRA INCLÍNASE CASE 80 CENTÍMETROS POLA EXTRACCIÓN DE AGUA SUBERRÁNEA

O ser humano extraeu unha masa de auga tan grande que o eixo de rotación da Terra inclinouse case 80 centímetros cara ao leste no período comprendido entre 1993 e 2010. É a conclusión principal dunha nova investigación publicada na revista  Geophysical Research Letters.

Os científicos basearon os seus cálculos en estudos previos onde se estimaba que o ser humano bombeara 2.150 xigatoneladas de auga subterránea entre 1993 e 2010, o que equivale a un aumento do nivel do mar de máis de 6 milímetros.

Unha das premisas dos investigadores ten que ver co polo de rotación, é dicir, o punto en torno ao cal vira a Terra. O planeta móvese durante un proceso denominado movemento polar, que é cando a posición do polo de rotación da Terra varía con respecto á cortiza terrestre. Como se se engadise un pouco de peso a unha buxaina, a Terra vira de forma lixeiramente diferente a medida que a auga se despraza, explican os expertos.

O polo de rotación da Terra cambia moito”, indica Ki-Weon Seo, xeofísico na Universidade de Seúl que lidera o estudo. “A nosa investigación demostra que, entre as causas relacionadas co clima, a redistribución das augas subterráneas é a que máis inflúe na desviación do polo de rotación”.

A capacidade da auga para cambiar a rotación da Terra descubriuse en 2016, e ata o de agora, non se contemplou a influencia que exerce a auga presente baixo a superficie terrestre sobre estes cambios rotacionais.

Durante o estudo, os investigadores modelaron os cambios observados na inclinación do polo de rotación da Terra, e por tanto, do movemento da auga: en primeiro lugar, considerando só as capas de xeo e os glaciares, despois, tiveron en conta diferentes escenarios de redistribución das augas subterráneas.

É dicir, compararon o movemento polar observado cos resultados do modelo con e sen redistribución da masa de auga subterránea. O modelo só coincidiu coa variación polar observada ao incluír 2.150 xigatoneladas de redistribución das augas subterráneas. Sen ela, o modelo desviábase 78,5 centímetros ou 4,3 centímetros ao ano.

Seo recoñeceu atopar unha resposta á “causa inexplicable da desviación do polo de rotación”, pero, doutra banda, sorprendeuse ao descubrir que a extracción de augas subterráneas pode ser “outra causa para o aumento do nivel do mar”.

 


Os investigadores comparan o movemento polar observado (frecha vermella, “OBS”) cos resultados do modelo sen redistribución da masa de auga subterránea (frecha azul descontinua) e con redistribución da masa de auga subterránea (frecha azul continua) / Geophysical Research Letters

Cabe sinalar que a posición das augas subterráneas é importante polo feito de que podería cambiar a rotación polar; e en efecto, a redistribución da auga das latitudes medias ten un maior impacto no polo de rotación.

Durante o período estudado, a maior cantidade de auga redistribuíuse no oeste de América do Norte e o noroeste da India, ambos en latitudes medias, segundo unha nota difundida pola Unión Xeofísica Americana.

Os intentos dos países por retardar as taxas de esgotamento das augas subterráneas, especialmente naquelas rexións sensibles, en teoría poderían alterar o cambio de inclinación, pero só se esas formulacións se manteñen durante décadas, segundo sostén o autor do estudo.

Normalmente, o polo de rotación varía varios metros nun ano, polo que os cambios debidos ao bombeo de augas subterráneas non corren o risco de alterar as estacións. Con todo, a escala de tempo xeolóxica, esta desviación pode repercutir no clima, segundo os científicos.

Observar os cambios no polo de rotación da Terra é útil para comprender as variacións no almacenamento de auga a escala continental”, explica Seo.

Dado que se dispón de datos sobre o movemento polar desde finais do século XIX, o experto afirma que se pode usar esa información para “comprender as variacións do almacenamento de auga continental durante os últimos 100 anos”.

Así mesmo, anota unha reflexión final: “Producíronse cambios no réxime hidrolóxico como consecuencia do quecemento global? O movemento polar podería ter a resposta”.

FONTE:gciencia.com/medioambiental

0 comentarios