Blogia
vgomez

PRAIA DO MUÍÑO: "LIBERA, NATUREZA SEN LIXO"

 

O proxecto "Libera, natureza sen lixo" convoca mañá, sábado, 16 de xuño, a segunda edición de «1m2 pola natureza», a gran recollida colaborativa nacional para liberar de lixo a natureza. O Concello da Guarda únese como entidade organizadora, establecendo como punto de recollida a praia do Muíño.

O obxectivo da iniciativa é concienciar e mobilizar á cidadanía para manter os espazos naturais liberados de lixo. Para isto, «Libera» propón a acción de voluntarias e voluntarios de todo o país en distintos puntos da súa xeografía, promovendo a concienciación medioambiental e a recollida de lixo conxunta.

Nesta liña, a Concellería de Medio Ambiente do Concello da Guarda organiza a batida de limpeza que se realizará no areal guardés a partir das 10:00 horas do sábado.

As e os participantes deberán presentarse no acceso á praia do Muíño á hora arriba indicada, onde se lles entregará un paquete co material necesario para a recollida do lixo (luvas e bolsas de lixo de diferentes cores para a reciclaxe dos residuos).

«Libera» é un proxecto creado pola ONG medioambiental SEO/BirdLife en colaboración con Ecoembes, a organización medioambiental sen ánimo de lucro que promove a economía circular a través da reciclaxe dos envases. A acción «1m2 pola natureza» é a iniciativa bandeira do proxecto. Na súa primeira edición, logrou recoller 30 toneladas de lixo en 48 provincias españolas.

Participa!

FONTE: aguarda.es

0 comentarios