APRENDER XEOLOXÍA XOGANDO
As boas ideas non adoitan ser as primeiras. Ou, ás veces, si. Pero enfocadas desde outro punto de vista. Chaim Gingold, por exemplo, non estaba a pensar en crear un simulador xeolóxico que fóra, a un tempo, un xogo e unha eficiente aplicación didáctica. A súa idea era moito máis ambiciosa. Practicamente inabarcable para unha soa persoa, de feito. En 2010 Gingold acababa de finalizar a súa colaboración con Will Wright (creador de Os Sims) no ambicioso Spore (un videoxogo no que, partindo de seres unicelulares o xogador trata de conquistar o universo). Gingold foi o máximo responsable da ferramenta de deseño de personaxes, unha funcionalidade moi eloxiada polo New York Times, xornal que describiu Spore como un “xoguete cegador”. Despois daquel traballo (ou precisamente inspirado por el) Gingold embarcouse nunha idea propia: un videoxogo ao estilo do título de Wright. Pero a misión antollábaselle tan prolixa que decidiu centrarse na simulación da parte xeolóxica do seu mundo. “Por entón, conta Gingold, o meu amigo Brett Victor ensinoume o libro interactivo de Al Gore no que estivera traballando” e aquilo levoulle a tomar unha decisión definitiva: non ía facer un videoxogo, senón unha aplicación móbil ao estilo dun libro interactivo no que se mesturarían distintos medios. Así foi como naceu Earth Primer.
O que propón a aplicación de Chaim Gingold é ensinar como traballan as forzas xeolóxicas do noso planeta a través do xogo. O usuario pode esculpir montañas, deseñar volcáns, cavar as canles dos ríos e controlar a natureza coa punta dos seus dedos. Trátase dun libro de ciencia dixital que conecta facilmente cos estudantes máis novos e os afeccionados debido a que fala o seu mesmo linguaxe, o dos videoxogos. Como en todo proxecto pioneiro (e Earth Primer o era) os primeiros pasos de Gingold foron, dalgunha forma, erráticos. Non existe un xénero ou uns parámetros definidos de como deben ser os libros interactivos, así que establecer unha narrativa que funcionase non era tan sinxelo. Foi despois das primeiras probas con usuarios cando decidiu que había que avanzar coma se fose un xogo (desbloqueando contidos ocultos) para evitar que os lectores se perdesen saltando dunha parte a outra. Un artigo en Wired describía a sensación producida por Earth Primer: “É parte libro de texto, parte xoguete, pero talvez non o suficiente de cada cousa como para atopar unha gran audiencia. É, con todo, algo instantaneamente intrigante”. A pesar das dúbidas xeradas polo seu artefacto, Gingold cre que o seu proxecto conseguiu o que buscaba: establecer en parte as normas dun novo xénero que pode achegar moito. “Os simuladores, asegura, permiten que a xente normal vexa as cousas como o fan os expertos” e esa capacidade inmersiva é unha poderosa ferramenta para a aprendizaxe.
FONTE: José L. Álvarez Cedena/elpais.com
0 comentarios