UNHA MEDUSA ABRE A PORTA NA LOITA CONTRA O ENVELLECEMENTO
Non ten cerebro nin corazón pero posúe a capacidade divina de vivir para sempre. Esta diminuta criatura chámase Turritopsis dohrnii. É unha medusa transparente de apenas sete milímetros de lonxitude que vive en augas do Mediterráneo e é a única especie inmortal da Terra porque sabe como volver por completo a unha etapa de inmaturidade e renacer.
A inmensa maioría dos seres vivos, tras a etapa reprodutiva, avanzan nun proceso característico de envellecemento cuxo destino final é a morte. Con todo, esta medusa é capaz de escoller outro camiño, reverter o seu ciclo vital e rexuvenecer. Faio coma se fose unha bolboreta, pero en lugar de morrer cando alcanza a súa forma máis bela, cambia de novo a unha oruga. Ou podería dicirse tamén que é coma se un pito tivese a capacidade para volver ser un ovo, nun ciclo sen fin que desafía ao paso do tempo co rexuvenecemento.
É unha medusa ’inmortal’, aínda que non está a salvo de todas as ameazas. Tamén morre cando se converte no menú doutras criaturas mariñas máis grandes. En cambio, camiña cara á eternidade se sofre algún estrés ambiental. En lugar de morrer, transfórmase e rexenérase.
Esta capacidade asombrosa para burlar a súa caducidade converteron a esta diminuta medusa en obxecto de investigación. Coñecer a súa bioloxía non é só interesante para os biólogos mariños, senón para os estudosos do envellecemento humano que buscan na Natureza pistas para atopar unha forma para atrasar o reloxo biolóxico.
O grupo de Carlos López-Otín da Universidade de Oviedo puxo o foco na Turritopsis dohrnii. A súa investigación agora permitiu desentrañar os segredos xenéticos desta estraña medusa, así como os mecanismos xerais que permiten o seu continuo rexuvenecemento. Os detalles deste traballo publícanse na revista Proceedings da Academia Nacional de Ciencias de Estados Unidos (PNAS).
Os científicos secuenciaron o xenoma desta criatura inmortal xunto co doutra medusa, moi similar, pero sen esas calidades tan asombrosas. O máis interesante era comparar os xenomas destes invertebrados case irmáns. Así puideron identificar xenes amplificados ou con variantes diferenciais que son características da especie inmortal.
Todos estes xenes afectan a procesos que en humanos xa se asociaron coa lonxevidade e o envellecemento saudable. Están relacionados co mantemento dos telómeros, a reparación e realización do ADN, a renovación das células nai dos tecidos ou a redución do ambiente celular oxidativo.
O ciclo de transformación no que a medusa inmortal dá marcha atrás no seu reloxo biolóxico tras alcanzar a madurez sexual e renace PNASA investigación demostraría que máis que existir unha clave única de rexuvenecemento e inmortalidade, todos estes mecanismos actuarían de forma coordinada, orquestrando o proceso para garantir o renacer deste ser diminuto tan asombroso. Conta López-Otín que este traballo "non persegue un soño de inmortalidade humana que algúns anuncian", senón entender as claves e os límites da plasticidade celular. A razón pola que algúns organismos son capaces de viaxar atrás no tempo. "De todo este coñecemento esperamos achar mellores respostas fronte ás numerosas enfermidades asociadas ao envellecemento que hoxe nos atafegan", explica.
A Universidade de Oviedo decidiu centrarse na Turritopsis dohrnii despois de descifrar os xenomas doutros organismos máis complexos. Previamente, investigaron a outros campións da lonxevidade, como as baleas boreais que poden vivir 200 anos ou as tartarugas xigantes das illas Galápagos, tamén centenarias. Este traballo previo permitiulles adquirir unha experiencia moi importante para afrontar o estudo das descoñecidas medusas. A distancia filoxenética entre unha medusa e un ser humano é grande, recoñece López-Otín, "pero permítenos identificar xenes relevantes que participan no proceso de rexuvenecemento e investigar o seu papel e a súa función en humanos e noutros modelos".
Traballar con este modelo animal non foi fácil. María Pascual, experta en ecoloxía mariña, viaxou ao sur de Italia en busca de Turritopsis dohrnii. Outros exemplares pescáronse en augas de Baleares, preto da illa de Mallorca e algún máis chegou do norte de Xapón. O traballo foi arduo. Non se atopaba esta especie tan pequena na costa. Houbo que aprender a diferenciar os seus pólipos doutras especies similares. Para mantelas con vida ata chegar a Asturias, María trasladouse nunha furgoneta coa loxística necesaria para coidar das medusas ata chegar ao Principado. "Alí, no acuario de Xixón establecéronse unhas condicións de cultivo con medidas de seguridade e atención extremas que foron esenciais para progresar no proxecto e descifrar o seu xenoma", lembra o catedrático de Bioloxía Molecular da Universidade de Oviedo.
Ao comparar o xenoma da Turritopsis coa súa irmá non inmortal (T. rubra) non se acharon diferenzas moi visibles, ata que se puxo unha mirada máis humana, máis aló dos algoritmos informáticos. Os cambios son sutís, pero son os que explican por que só una destas especies é un laboratorio de reprogramación en si mesma e pode cambiar para vivir eternamente.
Faino a vontade xenética e ambiental. Transfórmase e vólvese máis inmadura cando o seu ambiente xéralle un gran estrés, aínda que outras veces tamén o fai despois de reproducirse, sen razón aparente. Decide renacer cando empeza a envellecer ou en realidade nunca envellece? Aínda non se sabe, asegura López-Otín. "Falta aínda moita investigación para responder a esta pregunta. Este traballo é só o punto de partida".
FONTE: Nuria Ramírez de Castro/abc.es/ciencia Imaxe: Pnas / ABC
0 comentarios