Blogia
vgomez

NON HAI METANO EN MARTE

Recreación artística da sonda ExoMars, frenando para colocarse na órbita sobre Marte / ESA/ATG MEDIALAB

O penúltmo fin de semana de xuño, a axencia espacial norteamericana (NASA) informou da detección, por parte o rover Curiosity (o laboratorio móbil situado na superficie de Marte), da "maior cantidade de metano que se mediu durante a misión". O metano pode ser de orixe orgánica ou xeolóxica. A primeira hipótese espertou o soño de detectar indicios de vida no planeta vermello. Con todo, o equipo do  orbitador TGO da misión ExoMars (das axencias espaciais europea e rusa, ESA e  Roscosmos) desménteo. “Non hai metano en Marte nin o houbo nos últimos 350 anos”, afirma o  astrofísico español e integrante deste último equipo científico, José Juan López Moreno.

O Curiosity, a pasada fin de semana, segundo a NASA, informou detectar 21 partes de metano por mil millóns de unidades por volume, tres veces máis da cantidade supostamente rexistrada durante unha proba en 2013. Con todo, pouco despois, os niveis diminuíron a unha parte por mil millóns por volume, parámetros normais que se detectan de forma habitual.

A propia axencia recoñece que o Curiosity carece de instrumentos para identificar a orixe do metano e considera que o achado foi un “penacho” transitorio que non se corresponde con ningún patrón que o asocie cunha fonte permanente de emisión.

"O misterio do metano continúa. Estamos máis motivados que nunca para seguir medindo e unindo os nosos cerebros para descubrir como se comporta o metano na atmosfera marciana", dixo Ashwin Vasavada, científico do proxecto Curiosity.
 
López Moreno discrepa e descarta que haxa misterio sobre o metano en Marte porque sinxelamente non hai nin o houbo, polo menos, en máis de tres séculos e medio. Aválao o seu equipo nunha investigación publicada en Nature en función dos datos dos equipos a bordo do TGO, denominados NOMAD e ACS e deseñados especificamente para medir a composición da atmosfera de Marte e a distribución en altura de cada compoñente. Estes equipos, “cunha precisión igual ou maior á dos sistemas do  Curiosity” e moi superior aos instrumentos a bordo de Mars Express, segundo o astrofísico español, orbitan desde 2018 o planeta vermello a 400 quilómetros de altura e non detectaron nunca concentracións de metano superiores a 0,05 partes por mil millóns.

O científico do equipo europeo e ruso cre que se pode tratar dun erro na lectura da  espectografía ou que non identificasen que a fonte do gas sexa o propio rover Curiosity, xa que pode concentrar ata 1.000 veces máis metano que o que puidese existir na atmosfera.

FONTE: Raul Limón/elpais.es/ciencia

0 comentarios