MEGANEURA, O INSECTO MÁIS GRANDE QUE XAMAIS EXISTIU
Gravado dun pantano do Carbonifero (E.Meunier)
Os insectos, con case un millón de especies, representan o grupo de seres vivos con maior diversidade do planeta e cunha gran variedade de tamaños. Desde formigas ou avespas diminutas que miden menos dun milímetro, ata bolboretas máis grandes que unha man humana, como Ornithoptera alexandrae, ou escaravellos con fase larvaria de máis de 100 gramos de peso, como os escaravellos Hércules ou Goliat.
Con todo, comparado con outros grupos de animais, incluso invertebrados como algúns moluscos, crustáceos ou poliquetos, o tamaño dos máis grandes insectos quedan pequenos. Pero non sempre foi así.
Durante o período Carbonífero, hai entre 358 e 299 millóns de anos, os insectos alcanzaron tamaños moito máis grandes, tendencia que durou ata a Gran Mortaldade, o evento de extinción masiva que sucedeu a finais do Pérmico, hai uns 252 millóns de anos.
Neste tempo podíanse atopar grandes libélulas como Dunbaria, con máis de 30 centímetros; ou animais tan estraños como Mazothairos, un xénero de insectos con seis ás, cunha envergadura superior a medio metro. Pero todos eles parecen pequenos ante os insectos máis grandes coñecidos, pertencentes á familia Meganeuridae.
Efectivamente, o ouro, a prata e o bronce lévanllo tres xéneros de libélulas prehistóricas desta familia: Meganeura, Meganeuropsis e Megatypus. Os tres xéneros tiñan unha envergadura alar que podía superar os 70 centímetros. Meganeura é o máis antigo dos tres: viviu durante o Pensilvánico Superior, a finais do Carbonífero, hai entre 307 e 299 millóns de anos. Meganeuropsis e Megatypus son máis modernas, habitaron a Terra a principios do Pérmico, durante o Cisulariense, hai entre 299 e 273 millóns de anos.
O certo é que desde a desaparición do grupo Meganeuridae a finais do Pérmico, nunca houbo insectos tan descomunais como Meganeura e os seus parentes. Os grandes meganéuridos eran superdepredadores. Dominaban a pirámide trófica, voando sobre grandes espazos abertos e comendo calquera animal máis pequeno que eles, que era a maioría. Cubrían no ecosistema o rol que hoxe cumpren as aguias e os falcóns.
Os insectos actuais, incluso os máis grandes, son moitísimo máis pequenos. E a resposta ao enigma do tamaño podería estar no osíxeno.
É un feito que durante o Carbonífero e a principios do Pérmico, as concentracións de osíxeno na terra foron moi superiores ao que son hoxe.
Os insectos respiran por un sistema de traqueas que se abren ao exterior no abdome, e percorren o interior do corpo do animal levando o osíxeno directamente a cada célula. Por iso é polo que se propuxese como hipótese para o xigantismo destes insectos, a maior presenza de osíxeno no aire durante esta época.
É ben sabido que a dispoñibilidade de osíxeno pode actuar como factor limitante no tamaño dos animais, e especialmente, dos artrópodos; –parte do xigantismo polar explícase por este feito–. Dada a forma particular das traqueas dos insectos, parece lóxico pensar que unha maior concentración de osíxeno permitiría unha maior difusión aos tecidos, e con iso, un maior tamaño.
Relación de tamaño entre Meganeura e un ser humano (E.Willoughby)
Ademais, dos dous compoñentes principais do aire, o osíxeno é máis denso que o nitróxeno. Unha atmosfera hiperosixenada é, por tanto, máis densa, e certos estudos relacionan ese feito coa maior dispoñibilidade para adaptarse a tamaños grandes, ou mesmo para adquirir capacidade de voo.
Lembremos o principio de Arquímedes: todo corpo mergullado nun fluído experimenta un empuxe de abaixo cara arriba igual ao peso do volume do fluído desaloxado polo corpo. Seguindo este principio, e dado que a atmosfera non deixa de ser un fluído, un corpo mergullado nunha atmosfera máis densa experimenta un maior empuxe cara arriba. Os organismos que viven nesa atmosfera pódense permitir un tamaño máis grande, e teñen maior facilidade para voar.
Pero o debate non está resolto. Un estudo liderado polo profesor Mark W. Westneat, do Museo de Historia Natural de Chicago, e publicado en 2003 na prestixiosa revista Science mostrou que, a diferenza do que se cría, os insectos teñen un sistema respiratorio máis complexo, con ciclos rápidos de compresión e expansión das traqueas no tórax e na cabeza, que xera un movemento respiratorio análogo ao dos pulmóns dos vertebrados.
Esta maior eficiencia na respiración reduciría a importancia do osíxeno como factor limitante para o tamaño. A hipótese da limitación do tamaño baseada na concentración de osíxeno do aire perdeu gran parte da súa forza explicativa.
Por mor deste descubrimento propúxose unha nova explicación para o tamaño dos meganéuridos. Esta nova hipótese expón que estas libélulas eran tan grandes simplemente porque podían selo, entrando nunha carreira evolutiva competitiva polo aumento de tamaño entre as libélulas e as súas presas, seguindo unha dinámica de raíña vermella similar á que fai que guepardos e gacelas alcancen maior velocidade na carreira.
Cando as primeiras libélulas do Carbonífero alzaron o voo non tiñan depredadores naturais. Evolucionarían a tamaños máximos permitidos fisicamente polo seu plan corporal, porque non había nada que llo impedise, coa única limitación das restricións na construción do exoesqueleto e o aparello muscular asociado.
Coa Gran Mortaldade de finais do Pérmico, os animais de gran tamaño extinguíronse, e entre eles, as libélulas xigantes. A aparición dos primeiros pterosaurios do Triásico, a posterior aparición das aves no Xurásico, e os morcegos no Eoceno, representaron tres novas formas sucesivas de encher ese nicho ecolóxico que os insectos xigantes deixaron vacante. Nunca máis, nin as libélulas nin outros insectos tiveron outra oportunidade para adquirir un tamaño tan descomunal como os meganéuridos.
FONTE: Vary (Álvaro Bayón)/muyinteresante.es/ciencia
0 comentarios