Blogia
vgomez

CANTO SABES SOBRE ÁFRICA? XIX

Continúo coa serie na que poñemos a proba os teus coñecementos dobre África, continente de incribles paisaxes naturais e diversidade de vida salvaxe que habita as súas terras.

A contestación correcta á pregunta de onte é República Democrática do Congo. É un país de África central, coñecido de 1971 a 1997 baixo o nome de Zaire. Foi unha antiga colonia belga: o Congo Belga. A capital é Kinshasa. Está situado na zona dos grandes lagos de África e é o terceiro país maior do continente. O coltán é un material moi escaso que sae fundamentalmente, nun 80%, de África. Do Congo, sobre todo, e algo de Nixeria. Tamén hai outras explotacións en Australia, Brasil e Tailandia. Así como o comercio do ouro está regulado e controlado, o do coltán non, por iso é polo que chegase a provocar un cruento enfrontamento no Congo. Alí, as antigas guerrillas da guerra do Congo (1998-2003) enfrontáronse para facerse co control das minas, unha fonte de diñeiro única para comprar armas e facerse máis poderosos, máis dominantes. Estes combatentes obrigaron a miles de persoas, adultos e nenos, a traballar nunhas condicións inhumanas. O coltán apenas enriqueceu á nación, que segue sendo unha das máis pobres do mundo, porque este recurso natural expórtase, case na súa totalidade, de maneira clandestina. Ás mafias dálles igual que os traballadores cobren unha miseria e paguen coas súas vidas a falta de seguridade.

E imos coa pregunta de hoxe…

19. Cal é cidade máis poboada de África?

- O Cairo (Exipto)

- Nairobi (Kenia)

- Kinsasa ( R.D. do Congo)

- Lagos (Nixeria)

Mañá a solución e unha nova proposta!

FONTE: es.wikipedia.org e laverdad.es   Imaxe: xatakaciencia.com 

0 comentarios