RISCO DE XORDEIRA
Uns 25 decibeles son unha conversación en voz baixa nunha biblioteca. A 50 ou 60 decibeles soa o tráfico dunha rúa fragorosa e, a máis de 100, está unha discoteca ou o ruído dunha taladradora. Para a comunidade científica, toda exposición prolongada a un son que supere os 80 decibeles empeza a poñer en risco a saúde auditiva, xa sexa a curto, medio ou longo prazo. O oído sofre e dánase. Unha revisión científica publicada na revista British Medical Journal Global Health calcula que entre 670 e 1.350 millóns de adolescentes e adultos novos no mundo están en risco de perder audición por expoñerse a prácticas de escoita inseguras. En concreto, o 23,8% dos mozos que empregan dispositivos de audio persoais a intensidade elevada, como música alta polos auriculares, e case a metade dos que acoden a lugares de entretemento ruidosos, como bares ou discotecas, corren perigo de sufrir algún tipo de xordeira ou dano auditivo. Os expertos advirten de “a necesidade urxente” de impulsar hábitos de escoita seguros.
No dano á saúde auditiva inflúe a intensidade do ruído e o tempo de exposición. Segundo un informe da Organización Mundial da Saúde (OMS), as persoas que usan dispositivos de audio portátiles poden expoñerse, en 15 minutos de música a 100 decibeles, ao mesmo nivel de son que un obreiro do sector industrial nunha xornada de oito horas de traballo a 85 decibeles. Os límites de volume do oínte típico están entre os 75 e os 105 decibeis, uns limiares que, para a OMS, son “motivo de preocupación”.
A intensidade e o tempo de exposición van da man e, aínda que o limiar de susceptibilidade varía en cada persoa, alcanzar altos decibeles durante un longo tempo pasa factura á saúde. En concreto, é a cóclea, esa estrutura en forma de caracol no oído interno, a que máis acusa o impacto do ruído: as súas células ciliadas, que son as que transmiten a información ao cerebro a través do nervio auditivo, sofren esa exposición e cristalizan o dano, por exemplo, a través dos acúfenos (un asubío intenso no oído). A OMS estima que máis de 430 millóns de persoas no mundo teñen unha perda auditiva discapacitante.
Os autores do estudo consideraron prácticas auditivas inseguras exceder, por exemplo, os 80 decibeles durante 40 horas semanais. E focalizáronse en dous fenómenos de risco: o uso de dispositivos de audio, como teléfonos móbiles ou reprodutores de música con auriculares, e a asistencia a lugares de entretemento ruidosos, como discotecas, bares ou clubs. Os científicos revisaron a evidencia dispoñible desde principios de século en catro idiomas e recompilaron unha trintena de estudos a partir dos cales podían recalcular a prevalencia de mozos expostos a prácticas auditivas de risco.
Tras analizar a mostra e tendo en cuenta que a poboación global estimada de persoas de entre 12 e 34 anos é, en 2022, de 2.800 millóns, os investigadores concluíron que entre 670 e 1.350 millóns de persoas en todo o mundo “poderían estar en risco de perda de audición debido a prácticas de escoita recreativas voluntarias e inseguras”. “Se as persoas están expostas a sons fortes, as células sensoriais e outras estruturas no oído poden fatigarse e eventualmente danarse. A fatiga das células sensoriais a miúdo resulta en tinnitus [acúfenos] e/o perda temporal da audición. Se as persoas están expostas regularmente a sons fortes ou prolongados, este dano pode volverse permanente, o que pode provocar unha perda auditiva irreversible, tinnitus ou ambos”, explica Lauren Dillard, investigador postdoutoral da Universidade de Carolina do Sur e autor do estudo.
A ter moi en conta!
FONTE: Jessica Mouzo/elpais.com Imaxe: Oscar Corral/elpais.com
0 comentarios