A HISTORIA DUNHA NENA QUE SOÑOU SER PIANISTA
Medrou no Palacio de Belas Artes de Medellín-Colombia nunha época de racismo, clasismo e discriminación. En plenos anos 40, Teresa Gómez era a filla negra adoptada dos porteiros do edificio que albergaba a Escola de Música da cidade. Alí só estudaban as nenas brancas da alta sociedade, que chegaban ao Palacio en coches conducidos por choferes con luvas brancas. Naquel mundo, Teresita creceu sabendo que ela era distinta. Pero ela amaba a música e ás agachadas empezou a tocar pequenas pezas ao piano, que aprendera de oído. Como nun conto de fadas, a nena tocaba o piano a soas, pola noite e en segredo, ata que unha mestra descubriuna: “A negra está a tocar o piano!”, exclamou ao vela. Pronto esa mesma mestra entendeu que estaba diante hunha nena prodixio e ofreceuse a darlle clases de piano ás agachadas. Pouco despois, Teresita obtivo a oportunidade que merecía: estudar piano co resto das nenas. Teresa Gómez ofreceu o seu primeiro concerto como solista con tan só 10 anos.
Así foi a infancia da que hoxe é unha das máis grandes pianistas colombianas. Realizou estudos superiores de piano na Universidade Nacional de Colombia e, posteriormente, graduouse como concertista e mestra de piano Summa Cum Laude na Universidade de Antioquia. Nos anos 80, foi nomeada agregada cultural da Embaixada de Colombia na antiga República Democrática Alemá, desde onde divulgou a vida e obra dos máis destacados compositores colombianos por toda Europa. Con numerosos premios e recoñecementos, Teresa Gómez realizou centos de xiras e certames musicais por todo o mundo en representación de Colombia.
0 comentarios