Blogia
vgomez

PALABRA DO ANO 2022: COMADRE

Comadre foi elixida como a palabra do ano 2022 nas votacións organizadas pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié, onde esta voz que evoca á irmandade, a amizade e o feminismo impúxose ás outras seis finalistas, entre as que estaba candorca, que logrou a metade dos votos da gañadora.

Así, releva a ’tanxugueiras’, palabra do ano en 2021, e súmase a lista de palabras do ano na que figuran ’nós’ (2020), ’sentidiño’ (2019), ’deseucaliptización’ (2018), ’afouteza’ (2017), ’irmandade’ (2016), ’refuxiado, -a’ (2015) e ’corrupción’ (2014).

O Dicionario da RAG define ’comadre’ como a relación que existe entre unha muller que exerce de madriña e os pais do seu afillado ou afillada, aínda que esta voz está no fala popular para referirse ás veciñas ou amigas coas que se ten unha especial confianza.

Así, ’comadre’ emprégase para expresar o apoio que se prestan as mulleres "fronte a contextos adversos" ou nos "bos momentos da vida", un uso tradicional que, como resalta a RAG, trasládase á actualidade como unha forma de referirse a conceptos asociados ao feminismo como a sororidade, é dicir, a solidariedade entre mulleres.

Procedente do latín tardío ’commater, -tris’, a consideración de ’comadre’ como acepción de veciña e amiga está recollida xa na obra lexicográfica de Marcial Valladares en 1884 e emprégase noutras linguas como o portugués, o español, o italiano ou o francés.

A relación de confianza feminina que expresa esta voz ten eco en certas tradicións da cultura galega, como o xoves de comadres do Entroido, no que as mulleres se reúnen entre elas nun evento vetado aos homes.

Esta celebración podería ter a súa orixe nas ’Matronalias’ romanas, festas en honra á deidade Juno Lucina. Nelas, mulleres casadas recibían agasallos e un trato preferente e, mesmo, as escravas quedaban exentas ese día de realizar as súas tarefas. 

FONTE: galiciapress.es

0 comentarios