Blogia
vgomez

LANÓBRIGA: UNHA CIDADE GALAICA DE HAI 2.200 ANOS

 

O recinto de San Cibrao de Las ocupa unha extensión de case dez hectáreas, repartidas entre os concellos de San Amaro e Punxín (o meu concello), e a ocupación continuada do mesmo dátase entre os séculos II a. C. e o II, con algúns posibles asentamentos esporádicos en épocas posteriores. O castro está escavado parcialmente, centrando os traballos no espazo correspondente ao municipio de San Amaro, e no lugar foi creado no seu día o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa.

En 1921 comeza o interese polo xacemento, logo dunha visita ao mesmo realizada por Florentino López Cuevillas e Vicente Risco. Ao ano seguinte, logo de contar con resposta positiva á solicitude de permiso para escavar na zona, Cuevillas dirixiu as primeiras catas arqueolóxicas e os traballos desenvolvidos ata 1925. Xaquín Lorenzo, Xocas, tamén traballou no xacemento na metade do século pasado. Logo teñen sido desenvolvidas outras campañas, a última de importancia foi no 2016.

"Lanóbriga. Unha cidade galaica" é un proxecto que pretende reconstruir a vida do opidium galaico de Lanóbriga na súa época de máximo esplendor. O que hoxe coñecemos como Castro de San Cibrao de Lás, foi no século II a.C. un dos maiores asentamentos galaicos da Idade de Ferro.

Este vídeo recolle o traballo realizado na primeira fase do proxecto, que comezou hai xa máis de 2 anos. Nesta primeira fase reconstruíuse en 3D a totalidade do asentamento, prestando especial atención a edificacións e elementos singulares, así como o seu entorno. En futuras fases, preténdese mellorar o detalle do xa realizado así como incorporar máis elementos e crear personaxes que habiten a antiga cidade, para así dotala de vida.

Este proxecto está sendo realizado polos membros do CIAG (Centro Infográfico Avanzado de Galicia): Carlos Paz e Anxo Miján, baixo a dirección de Paco Boluda (Growia).

FONTE: lavozdegalicia.es    Imaxe: viamagicae.es

0 comentarios