O ONTE E O HOXE DA HUMANIDADE
“A cura de humildade que che dá o estudo da evolución humana, é a maior lección que un ser humano pode aprender”, explica José María Bermúdez de Castro, paleoantropólogo e codirector dos xacementos arqueolóxicos de Atapuerca. Para el, estudar aos seres humanos que viviron miles de anos atrás “é unha mostra do pequeniños que somos”, pero tamén nos permite ver en perspectiva o que somos capaces de facer como humanidade: “Tomando conciencia do noso pasado como especie, podemos proxectar cara ao futuro”, asegura.
Bermúdez de Castro formaba parte do equipo que comezou as escavacións do que hoxe é un dos xacementos arqueolóxicos máis importantes do mundo: a serra de Atapuerca. Estudou Ciencias Biolóxicas na Universidade Complutense de Madrid, onde tamén impartiu clases e doutorouse. Tamén foi profesor do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e o University College de Londres. Na actualidade, exerce como coordinador do Programa de Paleobioloxía do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (CENIEH) e é covicepresidente da Fundación Atapuerca. O seu traballo de investigación centrouse fundamentalmente nos ámbitos da antropoloxía física, a evolución humana e a prehistoria. Entre os principais premios obtidos, destaca o Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica, outorgado en 1997 ao equipo investigador de Atapuerca e recibido polo primeiro director (Emiliano Aguirre) e os tres codirectores actuais (Juan Luís Arsuaga, José María Bermúdez de Castro e Eudald Carbonell). José María Bermúdez de Castro ocupa a cadeira K da Real Academia Española (RAE) desde 2022.
0 comentarios