O aspartamo atópase en todas as bebidas “lights”, doces e outros produtos alimentarios con edulcorantes artificiais. A Organización Mundial da Saúde (OMS) xa apuntara que este tipo de substancias non son beneficiosas para a saúde, de feito, teñen un impacto negativo se se consumen con asiduidade. Aínda que son presentados como alimentos baixos en calorías, non fomentan a perda de peso. Agora, a OMS podería declarar o aspartamo como canceríxeno a mediados de xullo. A Axencia Internacional de Investigacións sobre o Cancro (IARC) estudará o potencial canceríxeno esta substancia, e segundo a axencia Reuters, nos próximos días esta alerta farase efectiva.
Ademais do informe do IARC, o Comité de Expertos en Aditivos Alimentarios xestionado pola OMS e pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), presentarán tamén un estudo onde se revisarán as recomendacións de consumo diario en función das conclusións do IARC. En maio, a OMS emitiu un comunicado onde suxería non empregar edulcorantes non nutritivos e sen calorías para o control de peso.
Desaconsellou a súa inxesta e sinalou que de maneira xeral, a poboación debe reducir o doce da súa dieta dende idades temperás para ter mellor saúde. A maiores do aspartamo, o organismo incluíu a sacaraina, o acesulfamo k, o advantame, o ciclamatos, o neotame, a sucralosa, a stevia e os seus derivados.
Dende 1981, o comité de expertos afirma que o consumo de aspartamo é seguro dentro duns límites diarios aceptables. Na UE, o aspartamo autorizouse por primeira vez durante os anos oitenta e se popularizou en 1994, despois de ser avaliado polo Comité científico da Alimentación, o antigo comité científico europeo. Un adulto de 60 quilogramos de peso tería que beber entre 12 e 36 latas de refresco para que a súa inxesta fose perigosa para a saúde. O aspartamo debe aparecer na lista de ingredientes dos produtos, indicando o seu nome ou E 951.
Segundo Reuters, o comité da OMS comenzou as súas reunións no mes de xuño e está previsto que as súas conclusións se comuniquen o 14 de xullo. O vocal da Xunta Directiva da Sociedade Española de Nutrición e o profesor na Universidade Complutense de Madrid, Rafael Urrialde de Andrés, explica que haberá que esperar á valoración do organismo internacional; se prohíben o aspartamo ou se manteñen a autorización e baixo que condicións, “se se segue coa mesma inxesta diaria admisible ou se disminúe e ata que punto”.
Atentos ao 14 de xullo!
Coidate!
FONTE: gciencia.com/saude Imaxes: es.wikipedia.org e gciencia.com/saude
0 comentarios