DEBEMOS REPENSAR AS NOSAS RELACIÓNS CO PLANETA E CO RESTO DAS ESPECIES
“Enfrontámonos á sexta extinción masiva do planeta e nin sequera ocupa titulares”, alerta o sociólogo e economista Jeremy Rifkin. Estudoso da economía colaborativa e do impacto da tecnoloxía na sociedade, a chamada de atención de Rifkin adxunta un eloxio ás novas xeracións: “É a primeira vez que unha xeración ao completo, os millenials e a xeración Z, sae ás rúas e identifícase como especie en perigo de extinción e ve ao resto de seres vivos como parte desa familia revolucionaria”.
Arquitecto da teoría da Terceira Revolución Industrial, na que analiza minuciosamente o impacto económico, ambiental, social e cultural das novas tecnoloxías na economía mundial, Rifkin é un dos divulgadores contemporáneos máis influentes. Licenciado en Economía na Wharton School da Universidade de Pensilvania, onde actualmente é docente, e en Asuntos Internacionais na Fletchen School of Law and Diplomacy da Tufts University, Jeremy Rifkin é tamén fundador e presidente da Fundación para o estudo de Tendencias Económicas e exerceu de asesor e conselleiro para multitude de gobernos así como para o Parlamento Europeo en materias de medio ambiente, tecnoloxía e seguridade enerxética.
Autor prolífico, destacan as súas obras ‘A Terceira Revolución Industrial’, ‘A civilización empática’ ou ‘O Green New Deal global’. No seu último traballo, ‘A era da resiliencia’, analiza as transformacións sociais e económicas que debemos acoller para asegurar a nosa supervivencia na Terra.
0 comentarios