Blogia
vgomez

DE ONDE PROCEDEN OS NOMES DOS MESES DO ANO?

DE ONDE PROCEDEN OS NOMES DOS MESES DO ANO?

Paso do tempo / Midjourney/Sarah Romero

Cando e quen lle puxo nome aos meses do ano? O calendario é un sistema de medida de tempo utilizado para longos períodos e baseado principalmente nunha sucesión de actividades relacionadas coas estacións do ano, como a época de colleita de distintos alimentos. Os calendarios estruturábanse ao redor das fases da Lúa, como no musulmán, ou en función do Sol como facían no Antigo Exipto. Trátase dunha ferramenta que acompañou ao home desde hai moito tempo, sendo o calendario máis antigo atopado un que data do 8.000 a.C. e que medía o tempo tanto pola Lúa como polo Sol.

De onde procede o nome dos meses do ano? / Midjourney/Sarah Romero

O calendario que chegou ata os nosos días, como case todo, é herdanza do poderosos Imperio Romano. Orixinariamente, o calendario primitivo de Roma dividíase soamente en 10 meses e non coincidía cos ciclos astronómicos. Foi Numa Pompilio, o segundo rei de Roma (715-672 a. de C.), quen adaptou o calendario ao ano solar segundo o modelo exipcio e agregoulle os 2 meses restantes. Desde que Roma fíxo o seu calendario oficial, o modelo composto por doce meses estendeuse por toda Europa e foi utilizado ata o século XV, cando fixo a súa entrada o calendario gregoriano. Os nomes que os romanos utilizaban para designar os meses do ano teñen a súa orixe en deuses, emperadores ou números, e estes conserváronse nas linguas inglesa, española, francesa, italiana e portuguesa. Vexamos!


XANEIRO. Este foi o primeiro mes que se tivo que engadir. O seu nome antigo era Ianuro, en honra ao deus Iano, que era o protector de portas e entradas. A esta divindade representáballa cunha vara e unha chave. Como curiosidade, o comezo de ano celébrase en xaneiro debido á campaña de Hispania, que necesitaba dos cónsules con previsión e estes só podían ser elixidos co novo ano. Pola necesidade de organizar a súa estratexia, o comezo do ano pasou de marzo a xaneiro.

FEBREIRO. Incorporado en segundo lugar por Numa Pompilio, dedicouno a Plutón ou Februo, para que este aplacase as súas iras.

MARZO. Provén de Marte, deus da guerra, porque neste mes iniciábanse as campañas bélicas das lexións romanas.

ABRIL. Procede do termo grego afros, que significa escuma, da que xurdiu Venus. Este mes dedicouse á fertilidade.

MAIO. É unha homenaxe aos anciáns ou protectores do pobo, xa que deriva da palabra latina majorum, que significa maiores. Outros atribúen o seu nome á deusa Maya, a esposa de Vulcano.

XUÑO. Representado como un segador de feno, supón unha homenaxe aos mozos, xa que provén do termo latino ’junior’.

XULLO. Xulio César deulle o seu nome, xa que el naceu neste mes. Debido a que era a época en que levaba a cabo a recolección do trigo, representábase cun segador practicando esta faena agrícola.

AGOSTO. Rende homenaxe ao emperador Augusto, que elixiu este mes para que levase o seu nome debido a que foi cando derrotou a Cleopatra e Marco Antonio, os seus maiores inimigos. Inicialmente constaba de 30 días e chamábase Sextilis; Numa Pompilio quitoulle 1 día e Julio César engadiulle 2 máis.

SETEMBRO. Como ao principio ocupaba o sétimo lugar (septem, en latín), conservou a súa orixinaria denominación a pesar de pasar ao noveno posto. Diferentes escenas de vendima representan este mes, dedicado ao deus Vulcano.

OUTUBRO. Neste caso, conservou tamén o seu nome orixinal da época de Rómulo, do termo latino october: oitavo. Tanto a vendima como a sementa, tarefas da época que marca, servían para simbolizalo.

NOVEMBRO. Mentres que a súa denominación perdurou desde que ocupaba o noveno lugar (november), os seus días sufriron cambios ata a chegada de Augusto, quen os deixou en 30.

DECEMBRO. A pesar de estar no último posto, ségueselle coñecendo pola décima posición que ocupaba orixinalmente.

FONTE: Sarah Romero/muyinteresante.es

0 comentarios