ASÍ É O MOSQUITO TIGRE
Un exemplar de mosquito tigre / Wikimedia
A chegada do mosquito tigre (Aedes albopictus) a Galicia xa non é unha hipótese nin un prognóstico: é unha confirmación. Os primeiros exemplares desta especie procedente do sudeste asiático, pero asentada no levante peninsular dende hai dúas décadas, apareceron en Moaña. O primeiro aviso deuno un veciño a través da aplicación Mosquito Alert, que controla a distribución destes insectos por todo o territorio español. A Xunta, a través da súa Rede de Vixilancia de Vectores (Regavivec), confirmou a información o 9 de agosto: era a primeira vez que se detectaba mosquito tigre en Galicia. Tan só uns días despois, constátase a presenza de dous exemplares en Vigo.
Como podes identificalo?
O Aedes albopictus recibe o nome de mosquito tigre polas raias brancas que riscan o seu corpo pequeno e negro. Máis en concreto, é fácil identificalo se ollamos unha liña clara na porte posterior da cabeza e do tórax e as patas riscadas, cun aspecto semellante ao dunha cebra. Ademais, o mosquito tigre é de pequeno tamaño e non supera os 9 milímetros de lonxitude, segundo informan dende Mosquito Alert.
Ademais das súas características físicas, e da súa cor recoñecible, a principal diferenza con outras especies de mosquitos, como pode ser o común (Culex pipiens), son os seus hábitos. Mentres que o Aedes albopictus é madrugador, cun pico de actividade a primeira hora de tarde e antes do anoitecer, os comúns son de hábitos nocturnos. Por iso, é máis probable que un mosquito tigre pique durante o día e na cidade, dado que tamén é unha especie principalmente urbana, segundo engaden dende a Xunta.
Que enfermidades transmite?
Segundo explican dende Mosquito Alert, o Aedes albopictus é capaz de infectarse ata con 22 virus diferentes. As principais enfermidades que pode transmitir son o dengue, o zika, o chikungunya e a febre amarela, pero demostrouse que tamén pode contaxiar a febre do val do Rift, o virus da encefalite xaponesa e o virus do Nilo Occidental. De todos modos, os expertos instan á calma e recordan que non se constatou a presenza destes patóxenos en Galicia. En España, a transmisión destas enfermidades foi mínima e de maneira xeral relacionáronse con persoas que contraeron o virus no estranxeiro.
Amais das enfermidades que poida transmitir directamente aos humanos, dende Mosquito Alert salientan que pica a unha ampla variedade de animais, sobre todo mamíferos. E isto incrementa o risco de que se transmitan patóxenos de animais a humanos e viceversa. Por exemplo, o mosquito tigre contaxia a dirofilariase canina, tamén coñecida como “verme do corazón”. É un parasito que afecta sobre todo a cans e, aínda que se pode transmitir a humanos, as probabilidades son moi baixas.
Como son as picaduras e como evitalas?
As picaduras do mosquito tigre, segundo apuntan os expertos de Regavivec, poden ser moi molestas. O que o diferenza doutras especies é que pode picar varias veces nunha única comida, polo que un só exemplar pode provocar varias ronchas. Ademais, como o mosquito tigre voa baixo é habitual que pique nas pernas e non nos brazos. De feito, pode chegar a picar nos nocellos, dado que é capaz de perforar os calcetíns, non así con vaqueiros nin roupa grosa. Ademais, senten atracción pola escuridade e a cor negra, polo que non se recomenda vestir con estas cores nas zonas afectadas.
Así mesmo, dende a Xunta aconsellan aplicar repelentes e insecticidas, empregar mosquiteiros nas ventás e usar roupa que cubra a pel, dado que non adoitan picar no exterior das vivendas. Finalmente, aos mosquitos atráenos a suor e os olores fortes, polo que é conveniente manter unha boa hixiene persoal.
Que facer se che pica?
As picaduras do mosquito tigre provocan pel avermellada, picor e lixeiros cambios dermatolóxicos na zona afectada, sefundo informan dende o Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII) de Madrid. Dende a Xunta engaden que son “moi molestas, poden ser dolorosas e ocasionar unha reacción alérxica”. De feito, a picadura pode causar prurito e ronchas. O mellor é evitar rascar a picadura, lavala con auga e xabón e usar xeo para reducir a inflamación. E no caso de atoparse mal, acudir aos servizos de saúde.
FONTE: gciencia.com/medioambiental
0 comentarios